O deputado e portavoz de Agricultura e Gandaría, Xosé Luís Rivas criticou “a demora” dos traballos do proceso de Reestruturación da Propiedade da chamada Zona Norte de Mondoñedo e preguntou se a Consellería de Medio Rural “depurará responsabilidades polos “inxustificados retrasos”.
Na súa intervención, o nacionalista explicou que a finais do mes de maio do ano 22 foi aprobado un acordo para instar a Consellería do Medio Rural continúe co proceso e revise a chamada Zona Norte do concello de Mondoñedo que abrangue ás parroquias de Couboeira, Masma e Vilamor, e que acometa, ben de oficio ou a instancia dos novos propietarios, e en coordinación coa administración local os traballos necesarios para o acondicionamento de fincas e obras pendentes.
A iniciativa do BNG, en orixe, dixo o deputado, pretendía condicionar a “inminente entrega de títulos” tras as obras de acondicionamento nas novas parcelas das tres parroquias afectadas, imprescindibles para que despois de 30 anos “a demora non resulte unha burla”.
No plan estaban incluídas as obras de acondicionamento e mellora da estrutura dos novos predios coa eliminación de accidentes naturais ou artificiais que impidan ou dificulten o novo cultivo, saneamento de terras, nivelacións e conservación e calquera actuación que mellore a viabilidade do predio para o seu cultivo. Pero o 2 de decembro anúnciase un investimento da Xunta de Galicia por un total de 48.387,49 euros en algunhas obras complementarias ao proceso de concentración da Zona Norte do concello de Mondoñedo dentro do PIR ( Plan de Infraestruturas Rurais) do 2022. As actuacións deste Plan consistirían na mellora, adecuación e ampliación de diferentes camiños.
En realidade, engadiu o nacionalista, tratarase de cinco actuacións que a pesar de seren necesarias “non dan solución ás irregularidades múltiples observadas na finalización do proceso”.
Polo que sabemos non foron revisadas as obras nin consultados os afectados para a elaboración dese Plan de Acondicionamento, co que resulta que, logo de máis de 30 anos, “esta obra faraónica convértese nunha mofa aos veciños” por parte da administración local e autonómica ademais de “incumprir o acordo parlamentario” para que a Dirección Xeral que corresponda, tome as medidas necesarias, ben de oficio ou a instancia dos novos propietarios, de “todas as obras de acondicionamento pendentes para a viabilidade dos predios de substitución no seu uso agrario na chamada Zona Norte do concello de Mondoñedo e que abrangue as parroquias de Couboeira, Masma e Vilamor.
Máis de 400 metros asfaltados que atravesan fincas
Tras a intervención da Directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), Inés Santé Riveira que restou importancia á situación descrita polo nacionalista e afirmou que a actuación da administración está suxeita a informes técnicos, o deputado do BNG respondeu que resulta “un esperpento” que a Xunta continúe xustificando todas as demoras das diferentes concentracións parcelarias e preguntou a Santé Riveira si nalgunha ocasión visitou a zona porque existe un documento que recoñece que “400 metros de lonxitude asfaltados atravesan fincas” en “trincheira” e esta, recalcou Rivas Cruz é a “verdadeira realidade” pero non a única.
Nesta liña afeou a intervención da titular de AGADER e sinalou que é “vergonzoso” rematar unha concentración parcelaria “en precario”, deixando fóra unha parroquia e obras que deixan de facer ou retomar. Vostedes, persisten en “falsas promesas” e plans que non se materializan e esa é a razón pola que moita xente xa non cre o que lles din. Que foi do Plan de acondicionamento de fincas do 2010-2011? Sábese algo?
Para o nacionalista, Medio Rural segue procedendo de maneira moi “irregular” ao convidar aos veciños que amañen como boamente poidan. Isto, afirmou Mini, “non é formalidade” e vostedes teñen que darlle unha resposta a este “despropósito”.
O deputado pediu a Santé Riveira que “poña orde neste desconcerto”, visite a zona e constate o que está acontecendo con esas terras. Finalmente, o deputado do BNG considerou que a consellería debe depurar responsabilidades, cuestión sobre a que a directora de AGADER non se pronunciou.