O BNG critica a decisión do PP da Xunta de Galiza de non enviar ningún helicóptero ás bases de Valdeorras e o Xurés

Noa Presas
Noa Presas

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, denuncia o abandono da Xunta de Galiza na circunscrición en materia de extinción de incendios na etapa de alto risco. Presas sinalou que non hai helicóptero “nin na base de Valdeorras nin na base do Xurés” e lembrou que esta fin de semana virán temperaturas elevadas con alta probabilidade de incendio.

A organización nacionalista criticou o abandono de Ourense por parte Xunta de Galiza na etapa de alto risco de incendios. Segundo ven de coñecer o BNG, non hai helicóptero “nin na base de Valdeorras nin na base do Xurés”. A esta situación súmaselle as elevadas temperaturas que prognostica o servizo meteorolóxico e a elevada probabilidade de incendio nesta época do ano.

“Esta fin de semana avecíñanse temperaturas moi elevadas e estamos a falar de dúas partes do noso territorio que son altamente incendiarias, que teñen unha orografía moi complexa e que teñen unha poboación e un territorio que precisa ser protexido” sinalou Presas, candidata do BNG por Ourense. Continuou explicando que estas zonas teñen un alto valor natural e a nivel produtivo

Para Presas “non se pode consentir esta situación pola incompetencia da Xunta de Galiza”. Lembrou que no caso de Valdeorras “chove sobre mollado” porque desde o BNG levaron “unha e outra vez” esta situación e a reivindicación da reapertura da base ao Parlamento de Galiza ao que se lle sumaron numerosas mobilizacións sociais no territorio e por parte das forzas sindicais.

“Súmanselle a discriminacións históricas como que a día de hoxe o Concello da Rúa segue sen ter unha motobomba única e exclusivamente porque a Xunta de Galiza do Partido Popular mercadean cos medios de protección de incendios”. Desde a organización nacionalista apelaron á responsabilidade e a que a Xunta rectifique.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG