parlamento galego

BNG considera “ocorrencias” as medidas aprobadas polo Goberno de Rueda para garantir a atención sanitaria no verán

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado critica que o Executivo do PP agarde a mediados de xuño para lanzar medidas que só suporán que os profesionais traballen máis

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, lamentou este luns que o Goberno de Rueda vaia de “ocorrencia en ocorrencia” en canto as medidas propostas para garantir a atención sanitaria de cara ao verán, e advertiu, neste sentido, que “todo indica que nos vindeiros meses”  numerosos centros de saúde, sobre todo na Atención Primaria, van vivir “situacións límite” tal e como aconteceu nos últimos anos.

“A responsabilidade da Xunta era planificar e organizar os recursos da sanidade pública e, unha vez máis, non o fixo a mantenta”, asegurou Prado, para quen “causa estupor que o Consello da Xunta agarde a mediados de xuño para aprobar medidas que son ocorrencias e que se reducen a que os profesionais traballen máis”. A Consellería de Sanidade, engadiu, “non aporta solucións porque non vai ao fondo do problema e non afronta o déficit estrutural de profesionais, a precariedade ou a os orzamentos insuficientes”.

Prado criticou así que se lles exixa aos profesionais a prolongación de xornadas ou intersubstitucións, “o que significa que un médico ou unha médica  faga o traballo de varios”. “Agora, ademais de que traballen máis horas, o Goberno de Rueda pídelle aos profesionais que teñen segunda residencia en zonas de costa que acepten traballar noutros centros de saúde, ou que os concellos lle poñan casa a disposición para que vaian pasar a súas vacacións e pasen consulta”, censurou.

A deputada do BNG criticou así mesmo que que profesionais que aínda non remataron a súa formación MIR “asuman o traballo sen que estea garantida a súa supervisión, tal e como establece a lexislación”, unha medida que, na súa opinión, “vai producir máis inequidade” porque só vai favorecer aos grandes centros de saúde.

“Que non haxa médicos non é a causa de que o sistema funcione mal , senón a consecuencia do maltrato continuado, e das malas condicións laborais”, engadiu, para a continuación advertir que “a este ritmo de deterioro estamos a un paso do colapso xeneralizado” do sistema público de sanidade.

É por iso que o “fortalecemento da Atención Primaria non permite máis demora”, subliñou, emprazando ao PP a “deixar de botar balóns fora e exercer de goberno tomando medidas serias e asumindo as súas competencias, que en materia de sanidade son moitas”.

Montse Prazo reclamou así ao Goberno de Rueda que “rectifique” a súa política sanitaria, cun novo modelo de Atención Primaria, cun estudio do cadro de persoal que permita coñecer as medidas que hai que tomar, cun plan de retorno, captación, e fidelización de facultativos, ou cubrindo a totalidade de ausencias no resto de categorías. Exixiu, finalmente, a incorporación de “categorías imprescindibles” e Atención Primaria, como  profesionais da psicoloxía clínica, terapia ocupacional, logopedas, podólogos ou ópticos optometristas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG