O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera “escandaloso” que o Goberno alegue “indefensión” para xustificar manter a concesión da AP-9 até 2048 e critica o empeño do PSOE de que os galegos e galegas “continuemos pagando inxustamente aínda durante 24 anos por circular polo Eixo Atlántico”. Reclama anular a prórroga realizada por un goberno de Aznar (PP) e que a AP-9 pase a ser gratuíta.
O deputado nacionalista afirma que o Goberno do PSOE asume o papel de cómplice da inxusta resolución de Aznar de elevar 25 anos a duración da concesión da Autoestrada do Atlántico. “Non é coherente afirmar que foi una decisión inxusta e agora pretender mantela a toda custa, mesmo cando a UE considera que é ilegal por vulnerar o principio de libre concorrencia”, asegura.
Aliás, Néstor Rego salienta que o argumento de “indefensión” e que a prórroga foi legal porque se realizou a una empresa pública non se sostén. “O Comisario europeo de Mercado Interior, Thierry Breton, asegurou que da documentación que posúen se deduce que xa existía a intención de privatizar a AP-9 cando se fixo e prórroga e, por tanto, a decisión do Goberno do PP de Aznar foi fraudulenta. Sorprende o empeño do PSOE de mantela”, subliña.
Cuestiona tamén o deputado nacionalista as cifras do custo do rescate baralladas polo Ministerio de Óscar Puente. “Non hai ningún estudo que as avale. Quero lembrar que o Pleno do Congreso aprobou una moción do BNG reclamando que a Autoestrada do Atlántico pasase a ser gratuíta en que tamén se pedía realizar un estudo rigoroso dos custos. É o lóxico. O ministro o mesmo fala de 4000 millóns como de 6000, mais nunca explicou de onde saen esas cifras, que outras estimacións baixan a pouco máis de 1000. Iso non é serio”, enfatiza.
Rego carga contra o PP, que acordou a prórroga e contra o PSOE, que pretende mantela. “Fica claro, máis unha vez, que as forzas estatais se alternan na discriminación á Galiza. Porque é discriminación que os galegos e galegas continuemos pagando por unha infraestrutura xa amortizada cando no conxunto do Estado a maioría das autoestradas da xeración da AP-9 xa son libres de peaxe após 40 anos de concesión. Por que nós temos que pagar durante 75 anos?”
O deputado do BNG exixe ao Goberno mudar a súa posición e proceder a anular a concesión. “A AP-9 debe ser gratuíta canto antes, porque é de xustiza. E, entre tanto, o Ministerio debe aplicar xa as novas bonificacións acordadas, para aliviar a carga das peaxes aos usuarios e usuarias”, conclúe.