Parlamento Galego

BNG consegue o compromiso no Parlamento para dotar dun mamógrafo no prazo dun mes ao Hospital Comarcal de Monforte

Iago Suárez
Iago Suárez

Iago Suárez defendeu tamén a cobertura das prazas onde actualmente hai falta de profesionais e reclama ao PP garantir a atención a toda a poboación

O deputado asegura que “non é unha vitoria do BNG, é unha vitoria da poboación e estaremos atentos para que se cumpra o acordado”

O BNG acadou no Parlamento o compromiso de dotar dun mamógrafo no prazo dun mes ao Hospital Comarcal de Monforte, que, segundo denunciou o sindicato CIG levaba dando erros desde o pasado mes de xuño e que deixou de usarse o pasado mes de decembro.

O deputado Iago Suárez, que defendeu a iniciativa na Comisión de Sanidade, asegura que era unha demanda moi necesaria para as persoas que viven nos 11 concellos do sur de Lugo, cuxa atención sanitaria é cada vez “máis alarmante”.

“Non é de estrañar que pacientes e profesionais sanitarios xa se manifesten ás portas do hospital para lle reclamar á Xunta medidas urxentes para paliar a situación da sanidade no sur de Lugo”, sinalou. “Os profesionais sanitarios teñen  todo o noso apoio, non é culpa súa, a culpa é da xestión porque aquí formámolos con cartos públicos pero acaban traballando fóra pola pésima xestión do Sergas”, matizou.

Na proposición do Bloque tamén se pedía á Xunta a garantía de que a poboación dependente do Hospital Comarcal de Monforte reciba atención sanitaria, así como que se garanta a cobertura das prazas onde actualmente hai falta de profesionais. Neste punto acordouse que a cobertura das prazas se faga “na medida en que haxa persoal sanitario dispoñible”.

E é que o persoal sanitario vén alertando dunha serie de deficiencias en servizos clave como dixestivo, psiquiatría, rehabilitación, pediatría, radioloxía e laboratorio. Esta carencia de profesionais tamén se estende ás quendas de noite, o que agrava a situación. O deputado da comarca destacou que o de Monforte é o único hospital galego que carece dunha praza de médico específico para o servizo de Hospital a Domicilio (HADO) . Ademais, faltan celadores e Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE), apuntou.

Non obstante, o caso máis “sangrante” , é o do mamógrafo do hospital, que leva estragado desde o pasado mes de xuño, deixando de facerse mamografías desde decembro, “co gravísimo que é para as mulleres do sur de Lugo”, advertiu Suárez, relatando o caso dunha paciente que realizou esas probas cando o aparato estaba en mal estado, sen detectarlle un cancro que afortunadamente foi collido a tempo despois de facer unha mamografía posterior no Hospital de Lugo.  Malia todo, o punto catro da iniciativa do BNG, na que se pedía unha relación das persoas que se someteron á mamografía desde o mes de xuño para ofrecerlles repetir a proba, foi rexeitado polo PP.

Suárez incidiu en  que a crise sanitaria na comarca de Monforte “non é un feito illado, senón unha consecuencia directa das políticas do goberno galego, que durante anos vén contribuíndo ao despoboamento da zona e á desatención das súas infraestruturas sanitarias”. O envellecemento da poboación e a falta de servizos son factores que empeoran a situación, e é fundamental que a Xunta de Galiza tome medidas inmediatas para paliar esta problemática.

“Se aceptasen a quita da débeda igual  habería máis diñeiro para contratar profesionais”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG