parlamento galego

BNG consegue un acordo unánime para que Xunta, Estado e Concello busquen unha solución técnica para o areal de Laxe

Daniel Pérez
Daniel Pérez
O deputado de Bergantiños argumentou no Parlamento que “é surrealista ter un paseo marítimo sen vistas ao mar”

O BNG acadou no Parlamento un acordo unánime para que a Xunta do PP, o Estado e o Concello de Laxe busquen unha solución técnica para que o areal de Laxe recupere o seu perfil orixinal porque “é surrealista ter un paseo marítimo sen vistas ao mar”, asegurou o deputado Daniel Pérez, quen defendeu a iniciativa de recuperar este areal á Comisión 8ª.

O BNG conseguiu este apoio unánime despois de que PP e PSOE votasen en contra en 2022 desta mesma iniciativa presentada polo BNG e despois dunha transacción na que o Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a dirixirse no prazo máximo de catro meses á Administración do Estado e ao Concello de Laxe para coordinarse entre as tres administracións na procura dunha solución técnica ao problema da acumulación de area na parte occidental da praia.

Durante a súa intervención, o deputado asegurou que “o que corresponde no inmediato é estabilizar a praia e protexer o ecosistema, garantindo así que a vila de Laxe recupere o incrible potencial comercial e turístico da súa fachada marítima”.

Pérez sinalou que as obras se circunscribirían á zona baixa do paseo, a afectada polas obras acometidas polo Goberno galego a comezos dos anos 90 no dique do porto de Laxe, e que “mudaron de xeito radical a morfoloxía urbana da vila na zona do paseo marítimo de da praia”.

Recordou  que esta remodelación do dique modificou as correntes e provocou o arrastre de grandes cantidades de area cara a parte occidental, formando un novo campo dunar artificial que a día de hoxe “impide ver o mar desde os establecementos de hostalaría, restauración, e comercio local”, até o punto, -subliñou- de exceder a area o muro que separa o paseo da praia”.

O deputado nacionalista advertiu ademais que a intensidade dese fenómeno artificial é tal que “afecta de xeito grave á rede de saneamento e ás pluviais”, provocando atascos e asolagamentos tanto no paseo como nas rúas principais de acceso á vila de Laxe”.

Sinalou, que“ o traslado de area que se realiza cada certo tempo desde esa zona do porto cara ao outro extremo non resolveu a situación”.

Pérez denunciou que ese arrastre de area “afectou tamén de xeito importante á seguridade e as manobras das embarcacións no interior da dársena, ao formárense baixíos de area no fondo que fixeron necesarias actuacións de dragaxe como a realizada recentemente por Portos para corrixir o problema, por fin-aclarou- despois de vinte anos”.

O Bloque Nacionalista leva anos demandando das administracións competentes unha solución definitiva do problema de acumulación de area, que está a afectar a diversos sectores sociais de Laxe, pero especialmente ao relacionado co turismo.

É por iso que é “imprescindible” que a praia de Laxe recupere o seu perfil orixinario, para o BNG, a actuación máis plausible sería a de “distribuír polo resto do areal a area que conformou o novo campo dunar, por acumulación na parte occidental”. En concerto,

Pérez referiuse á parte baixa do paseo, do número 1 da Avenida de Rosalía de Castro até o Peirao Vello, onde “nunca houbo dunas até as obras do dique”: Deste xeito, asegurou, “atenuaríanse os problemas de asolagamentos  e permitiría que

o comercio e negocios de restauración e hostalaría asentados no paseo recuperasen a vista do mar de Laxe.

“O que é surrealista é ter un paseo marítimo sen vistas ao mar”, rematou .
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG