BNG conmemora o seu 40 aniversario con actos por todo o País e co horizonte de liderar o goberno da “Galiza que vén”

Ana Pontón e Rubén Cela
Ana Pontón e Rubén Cela

Ana Pontón: “o Bloque naceu para gañar e ser forza hexemónica en Galiza; para transformar o País e darlle unha vida mellor aos galegos e ás galegas”

O documental ‘Setembro do 82, o nacemento da unidade nacionalista’, o libro ’40 anos ao servizo de Galiza. BNG, 1982-2022’ e un acto con máis de 1.000 persoas o mesmo día e no mesmo frontón de Riazor onde o Bloque naceu en 1982, eixos principais do programa conmemorativo

O BNG despregará un programa de actos por todo o País para conmemorar os 40 anos da súa fundación, 40 anos que segundo a portavoz nacional, Ana Pontón, “demostran que o BNG é un proxecto sólido, maduro, con raíces firmes e cargado de presente e de futuro, porque o BNG é a forza política da Galiza que vén”.

“O BNG naceu para gañar e ser forza hexemónica en Galiza, nacemos para transformar o noso País e darlle unha vida mellor aos galegos e galegas", recalcou Pontón, quen presentou xunto ao presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, o programa co que a formación nacionalista conmemorará a súa fundación no frontón de Riazor da Coruña o 25 de setembro 1982 e que inclúe tres actos principais: a estrea en Santiago do documental ‘Setembro do 82, o nacemento da unidade nacionalista’; a presentación en Vigo do libro ’40 anos ao servizo de Galiza. BNG, 1982-2022’ e a celebración dun acto central con máis de mil militantes e simpatizantes o mesmo día, 25 de setembro, e no mesmo lugar, o frontón de Riazor da Coruña, que a celebración da asemblea fundacional hai 40 anos.  

Pontón indicou que o Bloque celebra este 40 aniversario “en plena forma”, despois de conseguir un resultado histórico nas pasadas eleccións galegas onde se converteu en segunda forza política do País “e co horizonte en darlle unha alternativa real aos galegos e galegas, un cambio galego liderado polo BNG”. “Sabemos que temos nese camiño que conseguir un reto importante que é que o BNG sexa a forza maioritaria dos galegos e das galegas”, recalcou.

Logo de poñer en valor e agradecer o compromiso e traballo de militantes e simpatizantes, a líder do BNG indicou que “a Galiza que queremos no BNG é a Galiza que quere a inmensa maioría da sociedade galega, unha Galiza forte, xusta, igualitaria, avanzada en dereitos, que coide da súa xente e non deixe a ninguén atrás; unha Galiza con futuro que ofreza aquí calidade de vida, emprego e oportunidades á xente moza”, polo que reafirmou o compromiso do Bloque para “asumir a responsabilidade de ser máis útiles que nunca aos galegos e ás galegas”.

“Isto supón asumir que o BNG ten que aspirar a ter a presidencia deste País para facelo avanzar en todos os campos”, afondou, para engadir a continuación que o BNG de hoxe “é un BNG con experiencia, coñecemento, solvencia e un bo facer contrastado e recoñecido, logo de ter aprendido do mellor exemplo que é o que nos dan os galegos e as galegas cada día”. “Estamos preparados e preparadas para tomar as rendas do noso País e para estar neste momento tan duro do lado da maioría social que está padecendo esta crise de prezos e para seguir dando o mellor de nós por este País”, resumiu.

Neste sentido, apuntou que é preciso un “cambio de políticas” porque son moitos os retos que a sociedade galega ten por diante, polo que avogou por acometer “cambios estruturais fronte a actual crise de prezos e actuar con decisión protexendo ás maiorías sociais; poñer freo canto antes ao deterioro da sanidade pública, que o PP se quere cargar para beneficiar á privada, e tamén ao espolio enerxético de Galiza para usar dunha vez os recursos galegos en favor da sociedade galega”, así como “protexer o emprego, impulsar a industria e desenvolver todo o potencial económico e produtivo que ten Galiza, freando dunha vez por todas a fuga de talento”.

Así pois, a líder nacionalista apostou por unha Galiza innovadora, feminista, ecoloxista, con confianza nas súas posibilidades e orgullosa da súa lingua e a súa cultura: “necesitamos políticas que defendan aos galegos e ás galegas, sen subordinacións a Madrid, a Bruxelas ou aos lobbys económicos”, incidiu, para concluír a continuación que a Galiza de hoxe é moi diferente a de 1982 “pero hai unha cousa que non cambiou, a necesidade de que teña cada vez máis forza no noso País o nacionalismo emancipador que representa o BNG”.

Pola súa banda, Rubén Cela concretou o programa conmemorativo deste 40 aniversario e que, segundo subliñou, incluirán tres actos centrais que se desenvolverán ao longo do mes de setembro e aos que lle seguirán máis de 20 actos comarcais ao longo do último trimestre do ano.

O primeiro dos actos centrais, que terá lugar o vindeiro 14 de setembro, ás 20h no Teatro Principal de Santiago, será a estrea do documental ‘Setembro do 82, o nacemento da unidade nacionalista’, no que participan, ademais de Ana Pontón, persoas que xogaron un papel especialmente relevante na asemblea fundacional de Riazor, entre as que citou a Francisco Rodríguez, Xosé Manuel Beiras, Encarna Otero, Lois Diéguez ou María do Carmo García Negro, e que considerou “chave” para entender o pasado e o presente do nacionalismo galego. Cela destacou que, ademais do interese das entrevistas en si, o documental conta con gravacións de cineastas como Carlos Varela e outros militantes nacionalistas que lle confiren un dobre valor en termos históricos.

O día 21 de setembro, tamén ás 20h e no Auditorio Mar de Vigo presentarase o libro ’40 anos ao servizo de Galiza. BNG, 1982-2022’ que, baixo utoría de Manuel Anxo Fernández Baz, repasa ano a ano os principais feitos políticos e as actuacións chave do nacionalismo ao longo destes 40 anos nunha edición cun importante peso gráfico xa que contén máis de 400 fotografías (moitas delas inéditas) de momentos especialmente relevantes da historia do BNG.

Por último, Cela fixo tamén fincapé no “acto central”, o domingo 25 de setembro, ás 12h, no frontón de Riazor na Coruña, cun acto “no que congregaremos a máis de 1.000 militantes e simpatizantes e no que faremos un especial esforzo en convidar ao tecido asociativo que ten camiñado con nós en moitas loitas ao longo destes 40 anos”.  
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG