O portavoz de Enerxía do BNG e deputado da comarca, Xosé Manuel Golpe, congratulouse este martes do cambio de postura do alcalde de As Pontes, o socialista Valentín González Formoso, respecto da petición de conservar a chimenea e parte das instalacións de Endesa, tal e como vén defendendo dende hai tempo a formación nacionalista.
“A cheminea non é só un símbolo industrial, senón tamén un elemento de identidade para a comunidade”, asegura o deputado despois de que o alcalde e presidente da Deputación da Coruña anunciase que o goberno local apoiará o mantemento e rehabilitación para novos usos tanto da cheminea como do parque de Carbones.
Golpe deu así a “benvida á cordura” tanto do PSOE como do PP que, subliña, tamén cambiou a súa postura para preservar este patrimonio, poñendo en valor a súa importancia cultural e histórica. De aí que o BNG agarde que agora, unha vez que o acordo no Concello das Pontes é unánime, a Xunta acceda á declaración da cheminea como Ben de Interese Cultural (BIC) e esta instalación “acabe sendo un recoñecemento a un pasado industrial que tanto respecto nos merece”.
O deputado nacionalista valora especialmente a rectificación de Formoso que, lembra, chegou a cualificar de “ocorrencia” a demanda do BNG de conservar este patrimonio. “Queda claro que a súa postura inicial non amosaba a opinión da meirande parte da cidadanía das Pontes”, asegurou, destacando ao respecto a presión social que xurdiu a través da plataforma de defensa do patrimonio industrial do concello.