O número dous da candidatura do BNG por Lugo, Dani Castro, apelou este luns á mobilización masiva da mocidade o vindeiro 18-F para ser o motor do cambio e, da man do BNG e de Ana Pontón como presidenta, construír unha Galiza en grande que lle dea á xuventude máis oportunidades.
“Sabemos que hai moitos mozos e mozas no noso país que están a mirar para nós e que ven no BNG e en Ana Pontón a mellor opción para acabar cos problemas que viven no seu día a día”, asegurou, comprometendo ao goberno do cambio liderado polo Bloque a construír un País no que os mozos e as mozas “non se vexan obrigados a elixir entre a precariedade ou marchar fóra”.
A mocidade galega, afondou, ten que escoller o 18-F entre “unha Galicia ou outra”, a “Galiza en pequeno e gris que deixa o PP” ou a “Galiza en grande de Pontón, na que desenvolver o seus proxecto de vida e na que poder traballar e vivir” con mellores expectativas de futuro.
Castro participou xunto a outros representantes da mocidade nas listas do BNG nunha reunión con universitarios na que expuxeron algunhas das principais propostas do programa de goberno nacionalista “para resolver os problemas que lle importan á xuventude”, como o da vivenda, a precariedade laboral ou a emigración “que todos e todas coñecemos por experiencia propia ou porque temos a alguén no noso entorno que tivo que marchar fóra”
“O BNG confía na mocidade porque cre nela, cre no seu potencial e por iso non é casualidade que o Bloque sexa a opción máis escollida polos mozos e as mozas”, afirmou o candidato por Lugo, convencido de que este colectivo será “o plus” que se precisa para abrir un tempo novo no País. “Estamos ante un momento histórico e temos claro que unha mocidade mobilizada, que vaia votar concentrando o voto no BNG vai ser a chave para abrir un tempo novo en Galiza”, subliñou.
“O cambio galego ten nome de BNG e ten nome de muller: Ana Pontón”, concluíu o número dous na lista de Lugo antes de expoñer as propostas do BNG, entre as que destacou a creación dunha bolsa de vivenda “digna e a prezos accesibles”, unha medida que se porá en marcha en colaboración coas universidades e que Castro considerou especialmente relevante en cidades como Santiago, onde cada día é máis difícil atopar pisos en aluguer a prezos asumibles. “Non queremos ter que entrar nunha páxina web buscando pisos con medo a comprobar cantos ceros hai nos prezos”, apuntou.
No encontro cos universitarios, que tivo lugar na Cafetería SEU do Campus Vida, participaron tamén, entre outros, os candidatos Paulo Ríos e Marta Gómez, que tamén é secretaria xeral de Galiza Nova e foi a encargada de afondar na aposta do BNG por unha educación pública e de calidade. A gratuidade das matrículas universitarias ou reclamar a transferencia das bolsas universitarias para aumentar a súa contía nun 15 % foron algunhas das medidas do programa de goberno do Bloque que destacou Marta Gómez.
Camiñar cara unha universidade pública de calidade e ben financiada, até aportarlle ao Sistema Universitario Galego (SUG) o 1,5 % do PIB é outro dos compromisos adquiridos polo BNG, que prevé mecanismos de compensación para evitar que a gratuidade das matrículas, que o BNG leva no seu programa de goberno e vén reclamando dende hai tempo no Parlamento galego, supoña un prexuízo para as propias universidades.
Novo plan de emprego xuvenil para acabar coa precariedade e a fenda salarial
Paulo Ríos, pola súa banda, comprometeu ante os universitarios que o Goberno liderado por Pontón porá en marcha un novo plan de emprego xuvenil para rematar coa precariedade laboral, a temporalidade e a fenda salarial que sofre a mocidade, “que a día de hoxe cobra ata un 20 % menos”, remarcou. Río avanzou ademais que un dos obxectivos do programa nacionalista é reverter a “terciarización” que se da na economía e no mercado laboral.
“O 70 % da mocidade galega que traballa faino no sector servizos, que adoita ter peores condicións laborais” e de aí a aposta por aumentar o peso do sector industrial e o desenvolvemento da ciencia e a tecnoloxía como prioridades nun goberno con Pontón como presidenta.