BNG centrará o primeiro pleno parlamentario do curso na crise de prezos, a sanidade, a educación e os incendios

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil recrimina a Rueda que “prefira esconderse”, logo do veto do PP á súa comparecencia solicitada polo Bloque para abordar a crise

As consecuencias da escalada de prezos para as maiorías sociais do País, os sectores produtivos, as PEMES e as persoas autónomas; a defensa dos servizos públicos, especialmente da sanidade e da educación; e a seca e os incendios, “como punta de lanza da emerxencia climática que estamos a vivir”, serán os principais temas que o BNG levará ao primeiro pleno parlamentario do novo período de sesións.

Así o avanzou a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, logo da reunión da Xunta de Portavoces, na que o Bloque solicitou a comparecencia do presidente da Xunta para dar conta da crise económica e das medidas que vai impulsar o Goberno galego nesta materia, pero que, segundo recalcou, non prosperou porque “unha vez máis, atopámonos co veto do PP, que rexeitou a proposta”.

“O que vemos dende o BNG é que cada vez está máis claro que o señor Rueda prefire esconderse antes que dar a cara diante dunha situación crítica e dun panorama como o que se nos vén enriba neste outono que vai ser moi complexo para o conxunto das galegas e os galegos e especialmente para os sectores máis vulnerables e o tecido produtivo do noso País”, criticou. 

En todo caso, Rodil avanzou que a pregunta da portavoz nacional ao presidente da Xunta xirará precisamente sobre as medidas que vai adoptar o Executivo galego para atender “as necesidades urxentes que temos diante desta crise tan brutal de prezos”, onde segundo recalcou, a inflación está xa en porcentaxes completamente desbocadas, por riba do 11%.

Nesta liña, o Bloque proporá no próximo pleno parlamentario unha batería de alternativas “fronte á política de brazos cruzados do PP” que, segundo advertiu, foi incapaz de adoptar nestes meses “nin unha soa medida excepcional diante dunha situación tan complexa como a que estamos vivindo”. Así pois, a formación nacionalista defenderá a súa proposta para poñer en marcha un Plan de resposta fronte á crise de prezos mobilizando 1.000 millóns de euros por parte da Xunta “para rescatar ás persoas máis vulnerables, para triplicar as contías previstas para a atención de acceso á enerxía e para despregar un amplo programa de soporte aos sectores estratéxicos con medidas e axudas directas dirixidas a PEMES, persoas autónomas e a cooperativas”.

De igual xeito, avanzou que o BNG proporá a restauración inmediata da Tarxeta Básica suprimida pola Xunta, que, segundo recalcou, está deixando ás persoas que peor situación económica teñen con dúas únicas opcións: ir aos comedores sociais ou ir aos bancos de alimentos, porque o PP está substituíndo claramente a política social pola caridade e a beneficencia”, así como o incremento inmediato do complemento das pensións non contributivas e da RISGA para manter cando menos o poder adquisitivo das persoas que teñen como única fonte de ingresos estas prestacións.

Ademais, o Bloque defenderá iniciativas para abordar, por unha banda, a grave situación da sanidade pública, especialmente no referido “ao colapso” da Atención Primaria, froito da política de recortes que leva aplicando o PP ao longo da última década; e, por outra, a “maior vaga de incendios que sufriu este País nos últimos catro anos”, con 43.000 hectáreas ardidas só nos meses de xullo e agosto.

“Cremos, e levámolo dicindo moito tempo dende o BNG, que neste País é necesario levar a cabo unha profunda reflexión sobre a ordenación do territorio e a política forestal e o que vivimos este verán ten que ser un punto de inflexión, un cambio na política forestal e de ordenación do territorio para non ver unha e outra vez como vai ardendo Galiza sen que o PP parece que queira poñerlle remedio”, afondou, para engadir a continuación, que a formación nacionalista tamén presentará unha proposición non de lei para impulsar un pacto galego pola auga, algo que considerou tamén fundamental para afrontar un dos principais problemas que ten a sociedade hoxe en día, a seca. “Ese pacto galego pola auga debería estar no ano 2023, despois dun amplo proceso de debate e contraste coa sociedade galega”, incidiu.

Por último, tamén avanzou unha proposición non de lei para a reprobación do director xeral da CRTVG e para o inicio das negociacións do conxunto das forzas representadas no Parlamento galego para a súa substitución por unha persoa que cumpra, como mínimo, co que establece a Lei de Medios dende o ano 2011. “Cremos que o que levamos vivindo, tanto as sucesivas sentenzas condenatorias pola violación de dereitos fundamentais dos traballadores, como o incumprimento obsceno e reiterado dos principios reitores e a misión de servizo público, esixe que as cousas comecen a cambiar e a primeira que se asuman responsabilidades por parte de quen hoxe dirixe a corporación da radio e a televisión públicas de Galiza”, concluíu. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG