BNG centra as súas propostas no Debate do estado da Nación na riqueza de Galiza para saír da crise e pensando nun país “ao grande”

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil presentou o decálogo do BNG para saír da crise, reforzar e blindar  os servizos públicos e potenciar a lingua e cultura galega

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil presentou corenta propostas nacionalistas ao Debate do estado da Nación centradas “na potencialidade de Galiza e pensando nun país ao grande”.

Tras destacar que o discurso “firme e crítico” da portavoz nacional, Ana Pontón   constatou que o BNG é a alternativa ao Partido popular, Rodil recalcou que Galiza conta “cunha grande potencialidade e riqueza” para saír da crise e mellorar as condicións de vida e traballo. Para isto, dixo, é preciso “pensar o País ao grande fronte a un presidente da Xunta sen ideas e facendo de oposición ao BNG.” Escoitamos a un Feixóo nun “ton bronco, nervioso e mediocre” e que se move entre a submisión a Madrid e a Casado e a confrontación “estéril” co goberno de Pedro Sánchez, utilizando a Galiza como “arma partidista a favor dos intereses electorais do Partido popular e os lobbys económicos amigos” como Iberdrola, Audasa, Ence ou DomusVi.

Para aproveitar esa riqueza e potencialidade e poñela ao servizo de todos os galegos e galegas, explicou a nacionalista, dende o BNG presentamos corenta propostas de resolución con dez obxectivos estratéxicos para pensar “Galiza ao grande, sen conformismos e sen resignación”. Neste sentido, destacou a necesidade de acadar máis “autogoberno” para que as decisións políticas non se tomen a 600 km polo que reclamamos as transferencias pendentes e crear unha ponencia para un novo status político abrindo un debate político cunha ampla representación social e económica.

Novo modelo de financiamento

Para financiar a recuperación, afirmou  urxe poñer en marcha un novo modelo de financiamento que garanta recursos suficientes para soster os servizos públicos. “Propomos un novo marco económico e financeiro” que “amplíe a porcentaxe de impostos cedidos, reclame a cesión doutros novos como o imposto de sociedades e que as empresas que explotan os nosos recursos naturais tributen aquí e non en Madrid”.

Por outra parte, engadiu, propoñemos unha  Estratexia galega consensuada sobre os fondos Nex Geration porque serán os únicos recursos extraordinarios para financiar a recuperación.

Rescate do sector industrial

Neste ámbito defendemos un  Plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial co obxectivo de elevar a participación do sector industrial no PIB de Galiza até o 25% no horizonte 2030. Promover un tecido industrial orientado á creación de valor engadiu e emprego de calidade en sectores estratéxicos da economía galega como a automoción, o naval, a robótica, o téxtil, o químico-farmacéutico ou os tradicionais agro, pesca e forestal.

Tamén propomos elaborar unha “Estratexia galega de Emprego 2025” que impulse a creación de 50 mil postos de traballo en sectores –non só industriais- vinculados ás grandes transformacións que están en marcha.

Novos perfís profesionais que permitan o relevo xeracional no sector primario; a dixitalización inclusiva; a robotización e a IA, a rehabilitación ou a ciencia e a investigación e con especial fincapé nos colectivos da mocidade e mulleres.

O noso decálogo, anunciou a parlamentaria inclúe a creación dunha Mesa  para un pacto galego pola enerxía, compensar a Galiza como produtora de electricidade, unha estratexia galega e xusta para a transición enerxética e deseñar un modelo eólico sustentábel, xusto e galego.

Reforzar os servizos públicos

 200 millóns de euros máis para Atención primaria, un novo modelo  de coidados centrado nas persoas e nos coidados  de longa duración reforzado cun novo  modelo de residencias que acabe co negocio e blinde o dereito a unha vellez digna.

Ciencia e Investigación como motor de desenvolvemento

Propoñemos destinar o  3% do orzamento de 2022 en I+D+i, crear o Innogal como programa para a retención e captación de talento e impulsar un programa de investigación e innovación empresarial que estimule e apoie o investimento en I+D do sector privado, a transferencia de coñecemento e a modernización tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Emerxencia Climática

Defenderemos elaborar unha Lei galega contra o cambio climático acompañada dunha Estratexia da Auga 2030 coa  retirada inmediata do “sobrazo que suporá para as galegas e galegos o anteproxecto de lei da  Xunta.”

Avanzar nunha sociedade xusta, igual e libre de violencias machistas.

Rodil, ao igual que fixera onte a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón  salientou a necesidade de establecer un “cordón sanitario aos discursos de odio que son a mecha detrás do repunte das agresións lgbtfóbicas que se están a producir non só en Galiza senón no conxunto do Estado”.

Asemade, o BNG propón destinar o  1% do orzamento para os programas de loita contra a violencia machista e garantir que o dereito ao aborto se exerce na sanidade pública.

Lingua e cultura

Entre as proposta neste eido, figuran: destinar o 2% dos fondos NGUE para os sectores culturais, impulsar a  Lei do Fondo Cultural galego   e recuperar o consenso a favor do galego que rompeu en 2009 o Partido Popular. “Hai que derrogar o decretazo e devolver o galego ao ensino como lingua vehicular”, enfatizou.

Finalmente, a deputada apelou ao desenvolvemento dunha democracia “de máis calidade” sustentada na eliminación das portas xiratorias, unha reforma fiscal que persiga o fraude, maior participación da cidadanía con referendos sociais e o rescate dos medios de comunicación públicos galegos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG