BNG, que na propia noite electoral valorou os resultados das eleccións catalás cun comunicado da Executiva Nacional, afondou en destacar o éxito das forzas soberanistas que reforzan o seu avance no Parlamento e mostran, unha vez máis, a vontade da cidadanía de Catalunya en decidir o seu futuro en clave de País.
En rolda de prensa, a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou para felicitar á cidadanía de Catalunya “que deu unha proba de civismo e compromiso votando nunha xornada electoral en medio dunha pandemia e nun momento moi complicado da mesma, dando unha proba de madurez e de compromiso que merecen ser recoñecidos”.
A líder do Bloque trasladou os parabéns da organización ás forzas soberanistas que melloran a súa representación no Parlamento, “en particular a Esquerra Republicana nunha posición que lle vai permitir liderar o Goberno. É evidente que a cidadanía catalá demostrou, unha vez máis, a súa inequívoca vontade de decidir o seu futuro reforzando o apoio a estas forzas políticas”, subliñou.
O triunfo do soberanismo catalán ven acompañado dun retroceso da dereita española, tanto do PP, “que segue instalado na irrelevancia política”, como a desfeita da dereita laranxa e cunha preocupante subida do extremismo de VOX. “Para o BNG o ascenso da extrema dereita machista, racista e antigalega é sempre unha mala noticia e debería levar a unha reflexión ao PP, empeñado en darlle osíxeno normalizando á formación ultra cos seus pactos en distintos gobernos autonómicos”, concluíu.