Representantes das direccións políticas do Bloque Nacionalista Galego, EH-Bildu e Esquerra Republicana de Catalunya mantiveron esta mañá un encontro, na sede nacional do BNG en Santiago de Compostela, para avanzar nos traballos vinculadas á conformación dunha posíbel candidatura conxunta ás eleccións europeas de Maio de 2019.
Esta xuntanza é un paso máis na dinámica de traballo conxunta que as tres forzas veñen desenvolvendo desde hai meses, e que se dá de forma parella aos procesos de participación e debate interno da militancia que cada unha das organizacións teñen abertos en relación á súa fórmula de concorrencia.
As persoas que conformaban as delegacións das tres forzas sinalaron que o escenario que se avalía é o dunha proposta de candidatura conxunta e ampla, nucleada arredor das tres forzas políticas soberanistas representativas das tres nacións, e aberta á incorporación doutras, formulándose como unha candidatura de carácter amplo, transformador, progresista, social e que vai poñer o foco na defensa da democracia, as liberdades e os dereitos.
Así mesmo, as delegacións reunidas sinalaron que as tres nacións representadas neste acordo, Catalunya, Euskal Herria e Galiza, comparten unha tradición e unha cultura de colaboración histórica fronte á negación permanente do Estado español a aceptar o dereito a decidir libre e democráticamente o noso presente e o noso futuro. Dita proposta de candidatura formúlase ademais nun contexto de clara involución democrática no Estado español, caracterizado polo grave recorte de liberdades e dereitos e por unha actuación represiva en todos os campos, do político ao da liberdade de expresión.