parlamento galego

BNG arrincou o compromiso ao PP para que a estrada OU-533 entre A Gudiña e A Rúa se arranxe na maior brevidade posible

Secundino Fernández
Secundino Fernández

O acordo impulsado polo deputado ourensán Secundino Fernández obriga á Xunta a incluír unha partida específica nos orzamentos de 2025 para executar as obras 

O BNG arrincoulle o compromiso ao PP para que a estrada OU-533 ente A Gudiña e A Rúa se arranxe na maior brevidade posible, despois do acordo impulsado polo deputado Secundino Fernández e que obriga á Xunta a incluír unha partida específica nos orzamentos de 2025 para a execución das obras.

Na iniciativa que o deputado ourensán defendeu  na  comisión 2ª, reclamábase que o proceso de contratación das obras se fixese antes de que rematase o 2024 pero o PP pediu substituír ‘antes de 2024’, por ‘na maior brevidade posible’.

Fernández quixo lembrar que o BNG se interesou “numerosas veces polo seu arranxo e mellora” e que a Xunta do PP anunciou en época preelectoral que no primeiro semestre do ano 2024 se encargaría a redacción do proxecto dos arranxos do tramo A Gudiña -Viana do Bolo. “Practicamente pasou o primeiro semestre do ano 2024 e non se sabe nada de dito encargo, nin se volveu a mencionar a mellora da estrada, tan necesaria”, criticou.

Fernández salientou a importancia de acometer as obras dunha estrada “de grande importancia como elemento vertebrador do oriente ourensán. A estrada transcorre durante 50 km por unha zona de montaña cun trazado moi sinuoso e co porto de montaña do alto de Covelo, no termo municipal de Viana do Bolo, onde tamén provoca problemas ao tráfico rodado e aos peóns ao seu paso pola vila “polo sinuoso e angosto do seu trazado nesta travesía”, subliñou.

O deputado nacionalista advertiu que “estamos ante unha estrada con abundantes curvas, o que lle confire unha especial perigosidade”, á vista do importante número de accidentes que houbo ao longo do seu trazado, algúns deles de moita gravidade e con numerosas mortes. A sinuosidade e perigo é aínda máis importante no tramo duns 20 km entre A Gudiña e Viana do Bolo, no que “non hai ningún carril para os vehículos lentos e as zonas para adiantar son practicamente inexistentes”, advertiu.

Fernández insistiu na importancia da OU-533, xa que se trata dunha estrada que ten unha importante circulación ao servir de eixo do oriente ourensán, unindo a comarca de Valdeorras coa A-52 na Gudiña. Tamén circulan por esta estrada moitos vehículos e grande numero de mercadorías que se dirixen cara o norte de Portugal e que proceden de Valdeorras,de Lugo ou mesmo da comarca do Bierzo, León, Asturias e incluso Cantabria. Tamén inflúe no incremento do tráfico a estación da liña de AVE da Gudiña, que leva a moitas veciñas e veciños da comarca de Valdeorras e de Viana do Bolo a utilizar dita vía. Estamos polo tanto ante unha vía de moito tráfico, cun alto volume de tráfico pesado.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG