No proceso de convalidación ou derrogación do decreto 6/2022, que foi votado nesta quinta feira no Congreso, o BNG negociou co Goberno a tramitación posterior como proxecto de lei e o compromiso de recuperar a participación pública nos proxectos eólicos de entre 50 e 75 Mw que este decreto eliminaba. Néstor Rego consegue que o PSOE se comprometa a reactivar a Axenda Galega recollida no Acordo de Investidura, para o que a Comisión Mixta de seguimento se reunirá antes da cuarta feira, 11 de maio.
O BNG foi moi crítico co decreto 6/2022 por considerar que era insuficiente e que non incorporaba medidas de calado realmente eficaces para pór couto á escalada descontrolada dos prezos que está a provocar empobrecemento das clases populares. No entanto, “cando se trata de decidir se as medidas recollidas continúan en vigor ou decaen, o BNG, por responsabilidade política, opta porque se manteñan medidas como as axudas a sectores como a pesca, o agro, os transportes, a subvención aos carburantes ou o aumento do IMV e, por tanto, vota a favor do decreto”, sinala Néstor Rego.
A cambio deste apoio, o BNG arrancou ao Goberno español o compromiso de modificar a normativa en relación aos parques eólicos de entre 50 e 75 Mw para recuperar a participación social a través dun proceso de exposición e alegacións que este decreto eliminaba. Asimesmo, o compromiso de revisar unha “zonificación” que non ten en conta a realidade galega. De facto, as medidas recollidas neste decreto foron moi criticadas polos colectivos ambientalistas e de persoas afectadas por proxectos eólicos.
“Estas mudanzas deberán verificarse no proceso de tramitación do actual decreto como proxecto de lei, que esperamos que se faga canto antes. No BNG somos conscientes de que non resolven todas as dificultades engadidas no proceso de implantación de parques eólicos, mais, sen dúbida, supoñen unha mellora en relación co previsto no decreto”, subliña o deputado nacionalista, que avanza que o BNG pelexará por unha modificación máis profunda
Por outra parte, o deputado do BNG conseguiu tamén o compromiso de reactivar a Axenda Galega recollida no Acordo de Investidura, en relación con medidas que o Goberno aínda ten pendentes de cumprir, para o que a Comisión Mixta de seguimento se reunirá antes da cuarta feira, 11 de maio.