O candidato ao Parlamento de Galiza, Iago Tabarés, acompañado polos representantes do BNG no Concello de Ourense, Luis Seara e Rhut Reza, apoiaron a promoción do pequeno comercio diante da Praza de Abastos provisional da cidade. Tabarés comprometeuse a unha regulación dos horarios para o comercio así como unha moratoria para a instalación de máis grandes superficies en Galiza.
No paseo pola Praza de Abastos en Ourense o candidato do BNG ao Parlamento indicou que o modelo de promoción do pequeno comercio “está instalado nos concellos onde goberna o BNG: Allariz, Pontevedra, Tomiño”. Continuou explicando que este modelo contraponse ao realizado durante estes once anos de goberno do PP na Xunta de Galiza, onde se viu a importancia que lle daba ao pequeno e mediano comercio durante esta crise sen sacar axudas directas para os e as autónomas “sendo a única Comunidade Autónoma do Estado español que non o fixo”.
“Desde o BNG queremos propoñer a humanización das prazas de abastos e da súa contorna. A valorización con campañas de fomento e de concienciación da calidade e a importancia de apostar por produtos locais e de proximidade” sinalou Tabarés. A formación nacionalista leva varios anos levando ao Parlamento de Galiza a restauración integral de toda a zona do Rianxo que rodea a Praza de Abastos sen lograr o compromiso do goberno galego. Asemade, a organización nacionalista comprometeuse a declarar Galiza como “zona saturada de grandes superficies comerciais cunha moratoria de, polo menos, dez anos” e apostarán por unha plataforma de venta online e dándolle participación ás universidades do país como “un elemento de investigación e de tratamento dos big data”.
Tabarés prometeu unha reformulación dos horarios comerciais no país que “permita a conciliación da vida dos pequenos comerciantes" e aumente as posibilidades frontes ás grandes superficies comerciais. Paralelamente, o candidata nacionalista lembrou que a formación nacionalista continuará a manter encontros co sector para escoitar as súas problemáticas e formular as propostas do BNG. Durante o confinamento, a formación mantivo varias reunións a nivel local e comarcal co sector dos e das autónomas e o pequeno comercio e reivindicaron nas institucións axudas para paliar os meses de crise sanitaria.