O BNG participa en todas as mobilizacións convocadas polo Movemento ecoloxista, en máis de vinte localidades do territorio galego, contra o espolio enerxético baixo o lema, "Eólica así NON".
A parlamentaria do BNG, Noa Presas afirmou en Ourense que urxe un "cambio das políticas enerxéticas" a favor dos espazos naturais e da cidadanía porque "nós xeramos electricidade e temos dereito a que esa riqueza reverta sobre todos os galegos e galegas".
A nacionalista, que participou na concentración en Xinzo de Limia, criticou que tanto a Xunta como o Goberno central "contribúen ao enriquecemento do lobby eléctrico" e apela a que ambos gobernos escoiten as demandas da cidadanía galega contraria a un modelo eólico depredador que está agredindo gravemente o territorio galego nun contexto de cambio clímatico no que elementos como a auga "deben ser preservados".
Por outra parte, cualificou de "atropelo" aos cidadáns o modelo impulsado polas grandes empresas eléctricas que coa conivencia da Xunta e o Goberno central están "furtando trámites de participación e aforrando trámites de avaliación ambiental" para que os seus proxectos eólicos continúen engordando os seus beneficios.
📸 Imaxes desta mañá no encoro de Cecebre. @obloque coa Coordinadora Eólica Así Non neste #DíadasMontañas nas mobilizacións convocadas ao longo de toda Galiza. Non ao espolio eólico! pic.twitter.com/l4LPBsICIP
— A Luzía ╰☆╮ (@luchinhagz) December 11, 2022
Presas reclamou un "cambio" para un novo modelo eólico "galego, xusto e sostible" e sobre todo, que teña en conta as necesidades do territorio, habilite novas zonas de exclusión e garanta medidas para que os "beneficios da xeración eólica revertan en todos os galegos e galegas".
Apelamos, dixo, a que a Xunta e o Goberno central "escoiten á veciñanza de todo o país e rectifiquen, dunha vez por todas, para acadar un modelo eólico que non continúe co grave impacto ambiental, social e económico en Galiza" e que tamén, dunha vez por todas, recalcou, os galegos e galegas poidamos beneficiarnos da riqueza eléctrica que producimos no noso país.
Hoxe xuntamonos a Plataforma Eólica Así Non, pola defenda do noso rural e en contra do espolio electrico do noso país e a destrucción do noso medio! pic.twitter.com/RFX5akiLlh
— Galiza Nova Lugo (@galizanovalugo) December 11, 2022