BNG apoia Lula nas eleccións presidenciais de Brasil que se celebran este domingo 2 de outubro

Ana Miranda e Lula
Ana Miranda e Lula
Ana Miranda participa nunha misión de acompañamento electoral co Partido dos Trabalhadores (PT)

A coordinadora de Relacións Internacionais da Executiva Nacional do BNG e eurodeputada do BNG, Ana Miranda, estará en Brasil o 1 e 2 de outubro para participar nunha misión de acompañamento electoral co Partido dos Trabalhadores (PT) na primeira volta das eleccións presidenciais de Brasil que se celebran este domingo.

A axenda de traballo comeza hoxe mesmo cunha marcha encabezada por Lula e un encontro internacional en Sâo Paulo, ao que asisten 150 delegacións de todo o mundo para acompañar ao partido do candidato da esquerda á Presidente Luis Inácio Lula da Silva, ex presidente do país amazónico. O BNG considera que unha vitoria de Lula, que lidera as enquisas, contribuirá a que Brasil poida executar novamente políticas públicas para as clases populares, estar na escena da xeopolítica internacional como cando xogou un papel fundamental nos Gobernos de Lula e Dilma Rouseff así como sumarse á vitoria de gobernos de esquerda, “tan necesarios en América Latina”, apunta Miranda.

As vindeiras eleccións presidenciais en Brasil son fundamentais pola grave situación que vive o país, xa que padece un goberno neofascista e violento presidido por Jail Bolsonaro, ademais de destrutor de recursos naturais, que se ensaña coa oposición política que encabeza o candidato Lula da Silva e que fixo aumentar a pobreza a millóns de brasileiros e brasileiras. 

A grave persecución política da oposición levou ao expresidente a catro anos de cadea, en tanto que posteriormente foi absolto de todas as imputacións. “Trátase un caso máis do "Lawfare" que levan sufrindo moitos gobernos de esquerda en América Latina”, apunta a eurodeputada do BNG, quen lamenta que o contexto no que se celebran as eleccións é dun aumento da violencia por parte dos seguidores de Bolsonaro, que atentaron contra varios candidatos da esquerda e dunha polarización do debate co uso de noticias falsas como na pasada campaña na que foi electo o propio Bolsonaro.

Intervención na Eurocámara

Precisamente Bolsonaro negouse a que houbera misións de observación internacional de institucións como o Parlamento Europeo ou outras organizacións multilaterais nestas eleccións presidenciais. Fronte a esta persecución política, a eurodeputada nacionalista denunciou o acoso que están a sufrir os partidos da esquerda brasileira que apoian a Lula -así como os ataques sistemáticos a democracia e aos dereitos humanos-, nunha carta coasinada por 50 eurodeputadas e eurodeputados de diferentes grupos políticos da Eurocámara. Asemade, interveu na Comisión de Dereitos Humanos do Parlamento Europeo denunciando o goberno neofascista de Bolsonaro. 

O BNG mantén unha longa amizade co PT iniciada xa no 2001 cando Camilo Nogueira foi eurodeputado, con colaboración entre ambas organizacións políticas nestas dúas décadas, en diversos encontros en Galiza a través da Fundación Galiza Sempre e en Porto Alegre e Sâo Paulo, sendo o último deles o encontro entre Ana Pontón e a ex presidenta do Brasil Dilma Rouseff.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG