parlamento galego

BNG anticipa novos colapsos este verán na sanidade galega e acusa á Xunta de aplicar só “parches e ocorrencias”

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado censura o discurso da “normalidade” e advirte que os problemas no Sergas estanse a cronificar e as listas de espera van en aumento

Di que a Xunta  “utiliza o dereito dos galegos a ter unha sanidade pública de calidade para favorecer negocio das empresas dos amigos do PP”

A deputada do BNG Montse Prado anticipou hoxe no Pleno do Parlamento novos colapsos durante este verán na sanidade galega e acusou ao conselleiro García Comesaña de anunciar só “parches e ocorrencias” para solucionar os “gravísimos problemas” e os “déficits xa cronificados” que sofre o Servizo Galego de Saúde.

No transcurso dunha interpelación sobre o peche de camas previsto para este verán, Prado reprochou ao conselleiro que intente transmitir una imaxe de “total normalidade” cando a realidade é que en Atención Primaria o Sergas segue sen substituír profesionais “nin por vacacións, nin baixas nin permisos”, e hai prazas estruturais  sen cubrir durante anos, consultorios e axendas pechadas, e eliminación de quendas de tarde. A realidade, proseguiu, é que “miles de nenos non teñen pediatra asignado e que a actividade non urxente, como revisións periódicas ou calendarios vacinais, está sendo relegada”.

Prado referiuse expresamente aos centros de saúde daqueles concellos que durante o período estival rexistran un aumento exponencial de poboación, como Sanxenxo, O Grove, Cambados ou Baiona, entre outros. “Xa non é que non vaian ter aumento de persoal, que sería o normal, senón que van ter que atender o dobre ou o triplo de pacientes con menos efectivos”, alertou.

Vigo, só patoloxías agudas

No caso concreto da área de Vigo, a nacionalista lembrou que os propios facultativos teñen advertido de que a “reorganización das axendas de verán” traerá consigo o aprazamento de revisións periódicas dos doentes crónicos, de tal xeito que durante os meses estivais só se atenderán patoloxías agudas.

Prado criticou tamén a saturación que, por mor das eivas na Atención Primaria, están a sufrir os servizos de urxencias, tanto dos PACs como dos hospitais.  “Hoxe había 35 persoas en urxencias do Cunqueiro pendentes de cama, e onte 18 en Montecelo. E mentres isto ocorre, na mesma área sanitaria de Vigo, que xa ten un déficit estrutural,  péchanse este verán 375 camas”, advertiu. Lembrou, neste sentido, que nesta área hai xa máis de 8.000 persoas en listas de espera, e censurou que ao peche de camas súmanse “quirófanos e probas diagnósticas baixo mínimos”.

Prado cualificou de “indecentes” as cifras de agarda hospitalaria en Galiza e advertiu de que estas rexistran un “aumento xeométrico” que non para de crecer. Segundo os últimos datos hai 250.000 doentes pendentes de probas diagnósticas, 215.000 agardando unha primeira consulta e 46.000 esperando por unha intervención cirúrxica”. “Trátase -dixo- de miles de galegos e galegas que sofren, aos que se lles agrava a súa doenza, moitos aos que o diagnóstico ou a intervención lles vai chegar tarde”.

A deputada nacionalista reprobou ao conselleiro por non ter planificado “nin a curto nin a medio nin a longo prazo”, pese a que o PP tiña os informes que advertían da necesidade de tomar medidas para garantir a remuda xeracional no persoal sanitario. “Fixeron algo para evitalo? Non. Moi ao contrario, puxeron o acelerador para chegar á meta do destrozo da sanidade pública canto antes para facilitarlle o negocio á sanidade privada”, sentenciou. Segundo os datos expostos, o PP deixou de investir 2.339 millóns de euros na Atención Primaria, o que situou a Galiza á cola do Estado neste tipo de  investimento (11,8 % fronte á media do 14,2%, só por detrás de Madrid).  Prado acusou aos populares de deixar prazas MIR sen convocar e de “practicar constantemente a precariedade e o abuso laboral”.

A voceira de Sanidade do BNG exixiu ao conselleiro que poña fin a unha xestión baseada na “ocorrencia tras ocorrencia, chapuza tras chapuza”, e tras reclamar que se cubran prazas e se melloren as condicións laborais do persoal do Sergas, advertiu ao conselleiro que “os seus anuncios serán cribles cando deixen de usar o dereito dos galegos a ter unha sanidade pública de calidade para favorecer o negocio das empresas do PP”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG