A candidata do BNG á Presidencia, Ana Pontón, participou este venres nun coloquio celebrado en Santiago xunto a Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega, en representación de ANOVA. Un encontro no que ambas formacións coincidiron en que o 18 de febreiro Galiza pode facer historia cun goberno presidido, por primeira vez nos 43 anos de autonomía, por unha muller e nacionalista.
Pontón, Beiras e Noriega fixeron unha chamada a toda a cidadanía que quere cambio a mobilizarse de xeito masivo nestas eleccións galegas, as máis abertas e decisivas dos últimos quince anos e nas que Galiza ten unha oportunidade histórica para cambiar abrir un tempo novo que deixe atrás a desfeita de quince anos de goberno do PP. O 18-F, subliñaron, Galiza xógase non só o novo goberno, senón como vai ser a vida das galegas e os galegos nas próximas décadas.
Nunha conversa aberta, moderada pola xornalista María Obelleiro, coincidiron en facer un chamamento á mobilización e a concentrar o voto na única forza política capaz de facer que o cambio sexa posible e, con Pontón como presidenta, construír un novo proxecto de País cun goberno que vaia da man da xente e constrúa un futuro mellor para todos e todas.
Durante o coloquio, quedou en evidencia que na cita coas urnas a escolla é entre seguir con máis do mesmo, un goberno do PP con Rueda como presidente, o mesmo que deixa unha Galiza peor da que encontrou, ou un goberno cunha presidenta do BNG capaz de poñer en marcha unha Galiza en grande.