Parlamento Europeo

BNG afirma que o sector do mar non pode esperar máis e urxe unha comisión de estudo que busque as causas da súa debacle

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez acusa o Goberno de Rueda de amosarse preocupado pola viabilidade do sector mentres non toma ningunha medida para salvalo

A deputada Rosana Pérez urxiu no Parlamento que, no prazo de un mes, se constitúa unha comisión de estudo cos mellores expertos na materia para buscar as causas a “debacle” e da “desfeita” do sector e da perda de produtividade nas rías galegas. ”Levamos demasiado tempo perdido”, advertiu.

Fíxoo no Pleno deste martes, despois de que no mes de maio de 2024 o BNG propuxese ao PP a presentación dun cronograma no prazo tamén de un mes,  así como as partidas orzamentarias para a elaboración dun plan plurianual de medidas que permitise comezar a recuperación e rexeneración das rías galegas. Tras unha emenda do PP que foi  aceptada polo BNG, acordouse que o cronograma se presentase no ano 2024.

“Estamos en 2025 e non presentaron absolutamente nada”, constatou a deputada nacionalista, engadindo que hai que actuar e que “non vale con que estean preocupados polo sector”, tal e como asegurou o presidente da Xunta nunhas declaracións feitas hai apenas unha semana nas que dixo que había que saber “o que está a pasar no marisqueo” recoñecendo que a administración ten que facer “un esforzo económico “ e poñer en marcha “un conxunto de actuacións que fagan viable o sector”.

Pérez replicou que “nós cremos firmemente que o sector é viable aínda a día de hoxe e despois de todo o que leva pasado”.  “O que se necesita que sexa viable é a política pesqueira e marisqueira do Partido Popular desde hai 15 anos”.

A responsable de Mar do BNG pediulle a Rueda que, “ademais de estar preocupado, estea ocupado en sacar o sector do pozo no que o meteu o propio PP e o Goberno da Xunta”, lembrándolle os 222 Permisos de Explotación a Pé (Permex) perdidos só no ano 2024, ou os 17 anos que leva o sector pedindo un protocolo de baleirado de encoros sen atopar resposta no PP, “obrigándoo a recorrer á Valedora do Pobo para obter unha resposta ás súas demandas”, aclarou.

Pérez tamén preguntou onde estaba o PP cando a xente lle reclamaba, “unha e outra vez”, o seguro de produción marisqueira para cubrir as producións ante as inclemencias meteorolóxicas, como existe na Consellería de Medio Rural, ou que fixeron para solucionar o déficit histórico de semente que o PP propón importar masivamente,  cando o BNG sempre pediu que se promovesen sementeiras públicas ou mixtas e o grupo popular sempre votou en contra. “Absolutamente nada”, subliñou.

Na moción, que foi rexeitada cos votos en contra do PP, o BNG incidía ademais en que, a partir desa comisión de estudo, a Xunta debe elaborar a relación das actuacións máis urxentes a levar a cabo así como habilitar as partidas para executalas de inmediato. Por outra banda, debe tamén vincular as actuacións máis complexas, segundo esas recomendacións da comisión de estudo, a un compromiso orzamentario para cando menos os vindeiros cinco anos doa fin de paliar as condicións do sector pesqueiro e marisqueiro. Mentres tanto, a Xunta debe cubrir económica e socialmente os traballadores e traballadoras que se vexan afectados pola execución destas medidas. “Iso si sería estar preocupados e ocupados”, insistiu Pérez.

 Na súa réplica, a deputada nacionalista acusou o PP de “incoherencia” entre as palabras do deputado popular Miguel Fidalgo, as do conselleiro de Pesca no anterior Pleno -ambos pedindo remar no mesmo barco-, e as e do presidente  Xunta  sobre a inviabilidade do sector e a necesidade de tomar medidas. “A quen cremos dos tres?”, cuestionou.  Así mesmo, emprazou ao PP a explicar onde está a comisión de estudo, onde os expertos e onde  “ese famosísimo “Plan entelequia”,  en referencia ao Plan de competitividade que o BNG pediu, acolléndose ao artigo 9, hai case un ano. “O Plan, ademais de inexistente, é o gran bulo do Partido Popular”, rematou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG