parlamento galego

BNG advirte a Ethel Vázquez que deberá dar explicacións por unha chamada ao xefe territorial de Alsa en plena licitación e non será en sede parlamentar

Paulo Ríos
Paulo Ríos

Paulo Ríos sostivo que as  sentenzas xudiciais confirman “trato de favor e conivencia da Xunta” coas grandes  empresas do transporte público

Na interpelación á conselleira de Mobilidade, Ethel Vázquez ante as irregularidades detectadas na contratación do transporte público, o deputado do BNG, Paulo Ríos afeou que titular da consellería se negara a comparecer en sede parlamentar para dar explicacións do acontecido no proceso adxudicatario no que foron beneficiadas as empresas Monbus e Alsa e advertiu á titular de Mobilidade que “debera dar explicacións por unha chamada ao Xefe territorial de Alsa en plena licitación”.

Na súa intervención, Ríos lembrou que a propia conselleira afirmou que a Xunta de Galiza “sempre gañaba” as denuncias pero agora comprobamos como “o Tribunal Supremo se manifesta en sentido contrario” ao igual que as sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

O deputado afirmou que Ethel Vázquez  é a “máxima responsable” da consellería, a pesar de que nas súas comparecencias negue esta responsabilidade e neste caso concreto, explicou Ríos , en medio da licitación dos contratos recibiu información de que eran contrarios á competencia e cun “reparto inxustificado” dos lotes. As denuncias comezaron a chegar dende a CIG denunciando “engano” na mesa de contratación  por parte das mencionadas empresas.

Resulta chamativo, engadiu o nacionalista, que  a Comisión galega da Competencia  tras recibir a información considerara  que o asunto non merecía ser investigado nin abrir un expediente sancionador como agora é demandado polo Tribunal  Supremo.

“Ninguén da súa consellería e da Mesa de contratación quixo saber o que estaba acontecendo” como si dúas grandes empresas de obra pública tiveran que recorrer á figura dunha UTE para acceder a unha obra  de 200 metros de bacheado dunha estrada e preguntou á conselleira si consideraba idóneo este sistema utilizado por Mobus e Alsa para acceder a unha  liña de 12 autobuses.

A consellería con vostede á cabeza “están quedando soas” ante o plan de transporte público de Galiza, e non o di só o BNG, aí están as denuncias e sentencias dos tribunais que van na mesma liña ao que hai que engadir o informe de fiscalización do  Consello de Contas.

O Partido popular da Xunta co Plan de transporte “prexudica ás PEMES” e favorece o monopolio e  reparto en grupos como transMombus. No ano 2017, dende o BNG xa advertimos que a súa xestión era irregular e agora as sentenzas confirman todos os nosos temores. Vostedes non cobraron os canons a estas concesionarias e taparon as irregularidades para seguir beneficiando “aos amigos” do Partido popular a través do grupo Monbus.

O deputado tamén  denunciou o proceder da  consellería ocultando que Monbus non contaba co 40% dos autobuses a hora de asinar os contratos.

Por outro lado, dixo, o Consello  de Contas  tamén se pronunciou sobre a falta do plan estratéxico da Xunta para o control e seguimento dos novos contratos, “vostedes abdican da súa responsabilidade para que as empresas continúen facendo o que queren”, mesmo subcontratando os servizos a empresas privadas.

O parlamentario do BNG reiterou que Ethel Vázquez “queda soa” defendendo o “indefendible”. Cantos organismos máis teñen que pronunciarse para que vostede “cese o trato de favor a empresas que están esnaquizando o transporte público en Galiza”.

Tras a intervención da titular de Mobilidade, o deputado avanzou que todos os datos aportados pola conselleira sobre o plan de transporte  serán contestados polo Consello de Contas e os tribunais e reiterou que Ethel Vázquez será obrigada a dar explicacións, “nun foro diferente ao da  Cámara galega” sobre unha chamada no mes de maio ao xefe territorial  de Alsa, en pleno proceso de licitación.

O deputado concluíu a súa intervención reclamando “rigor” á conselleira  e asumir  as irregularidades  producidas no departamento que dirixe.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG