parlamento galego

BNG advirte da repercusión social e na calidade do servizo que se presta en Galiza do novo ERE anunciado por Telefónica

Mon Fernández
Mon Fernández
Ramón Fernández Alfonzo lamenta que á Xunta do PP non se teña posto en contacto coa empresa para coñecer o impacto nun servizo esencial   

O deputado do BNG Ramón Fernández Alfonzo advertiu este venres das consecuencias que pode ter en Galiza o anuncio de despedimento colectivo no grupo Telefónica tanto no plano laboral como sobre a calidade do servizo que presta no País.

A nivel laboral, subliñou que en termos relativos o impacto se prevé maior que no resto do Estado, pois segundo as previsións iniciais o ERE proposto pola empresa afectaría a 339 das 600 que persoas prestan servizos actualmente no noso País, o que supón máis dun 50 %, cando a nivel estatal a proposta primeira da empresa afectaría a 5.124 traballadores e traballadoras, unha terceira parte do cadro de persoal.   

Trátase, asegurou o deputado nacionalista, “dun novo paso adiante” nun camiño que Telefónica xa iniciou hai tempo, e que na Galiza supuxo unha “amortización brutal” de postos de traballo nos últimos anos, ao pasar o número de persoas que traballaban na compañía de 1.505 no 2011 ás 339 previstas para despois deste novo ERE, o que supón unha redución do 77 % do persoal.

A isto hai que sumarlle, precisou, o aumento na externalización de certos traballos, fundamentalmente na área de instalación e mantemento, que trouxo consigo a precarización laboral que provocou, lembrou, que no 2015 tivese lugar en Galiza unha das folgas máis importantes de todo o Estado español contra a desregulación no sector das telecomunicacións.

Fernández Alfonzo preguntou ao Goberno do PP polas súas xestións ante o anuncio do ERE de Telefónica na Comisión 6ª, na que puxo de relevancia a preocupación do BNG polas consecuencias que este proceso pode ter tamén na calidade da prestación “dun servizo que debe ser considerado esencial e público”. “Preocúpanos -expuxo- o impacto que os usuarios e usuarias podamos sufrir por exemplo na calidade da atención ao cliente, do servicio de reparación de avarías e, sobre todo, no desenvolvemento das novas infraestruturas de telecomunicacións necesarias para dotarnos, por todo o territorio, de servizos dixitais cos máis altos estándares, do mesmo xeito que as grandes zonas urbanas do País”.

Advertiu, neste sentido, sobre os efectos da desigualdade dixital na vida das persoas, pois cada día ten máis importancia a calidade da conexión no acceso a todo tipo de servizos, mesmo os máis básicos, como a educación, a información, o traballo ou saúde.

Fernández Alfonzo destacou, entre outros datos, a situación na que se atopa Galiza en canto á cobertura e á calidade das novas tecnoloxías dixitais, nomeadamente a banda larga, que está no 77 % contra o 90 % da media estatal, “coas provincias de Lugo e Ourense á cola de todo o Estado español”, afirmou. Subliñou, ademais, a “tremenda” fenda dixital entre territorios rurais e urbanos dentro da Galiza, onde segundo datos de mediados do ano pasado o nivel e acceso a liñas de 100 mgbs ou máis estaba apenas no 55 %.

O deputado do BNG lamentou na súa quenda de réplica que o director xeral da Amtega, encargado de darlle resposta, acudise a última reunión da comisión 6 nesta lexislatura só a “gabarse” da súa xestión e a dar unha “resposta-escapada” por escudarse en que é o Goberno do Estado e non a Xunta quen tramita o ERE de Telefónica. Lamentou, neste sentido, que a Xunta non exerza as súas competencias e aclarou que “ningunha lei impide ao Goberno galego poñerse en contacto coa empresa para coñecer o impacto que esta medida vai ter en Galiza”. “A súa resposta demostra a escasa preocupación polo impacto que poda ter nun servizo público que é esencial”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG