O deputado do BNG, Ramón Fernández Alfonzo acusou hoxe á Xunta de ser “corresponsable” do despedimento colectivo dos traballadores da empresa EINSA da Pontes e criticou que o Goberno galego careza dun Plan de reactivación económica e industrial para a vila, despois de catro anos do anuncio do peche da central térmica. “140 traballades e traballadores serán despedidos polo papel que desempeñou a Xunta neste proceso de despedimento colectivo”, afirmou.
Para o BNG, dixo, son vostedes “co-responsábeis destes despedimentos. Non por acción, porque é a empresa quen executa ERE, pero si por omisión”.
Por outra parte, reprobou que a empresa fora receptora de axudas públicas condicionadas ao mantemento do emprego a través dun Plan industrial que se executou para paliar o impacto do peche da mina ás que sumou axudas pola reconversión naval de Ferrol. Na súa opinión, EINSA é unha empresa “experta” en aproveitar Plans industriais cuxas contías de subvención descoñecemos porque o goberno galego sigue ocultando esta información. A maiores, agregou, a empresa aproveitou as axudas para impulsar novas áreas de negocio e mesmo de localización como acontece no centro de EINSA das Pontes ao que acude un gran número de traballadores de Pontedeume procedentes doutro centro da mesma empresa.
O deputado demandou impulsar un “auténtico plan de reactivación para as Pontes” e o compromiso do goberno para “paralizar o ERE” e no caso de non existir outra alternativa, “negociar un ERTE temporal” até recolocar definitivamente ao persoal en futuros proxectos.
Vostedes, dixo o deputado, responderán que non poden paralizar o ERE pero poden intermediar dirixindo unha carta á Mesa de negociación cunha oferta para resolver o conflito ao non ser, que queiran continuar sendo “os palmeiros da empresa” e facilitar que 150 persoas perdan o seu posto de traballo.
Tras a resposta da directora xeral de Relacións laborais, Elena Mancha Montero de Espinosa, o deputado mostrou o seu malestar por considerar que a persoa designada para responder ás cuestións formuladas polo BNG non era á que lle correspondía comparecer hoxe na Comisión de Industria. Vostedes, o único que pretenden afirmou, “é seguir botando balóns fóra e non comprometerse neste conflito”. O que hoxe estamos intentando resolver aquí, non é unha cuestión de relacións laborais, “é un problema de falta de iniciativa política” porque despois de catro anos do anuncio do peche da térmica “non existe un Plan industrial da Xunta” para a reindustrialización da vila.
O deputado volveu a protestar pola designación da directora Xeral de Relacións Laborais cando en realidade, puntualizou, as respostas ao BNG teñen que vir da parte de Industria do Goberno, “vostede pode auxiliar e recomendar pero non asumir os costes dun ERTE”
No momento do peche ENDESA e a XUNTA tiñan un Plan industrial con orzamento sobre o que unha comisión executiva decidía o seu destino como a implantación de EINSA nas Pontes. O deputado do BNG criticou que a consellería de Economía non lidere as directrices para revitalizar as Pontes porque é “ENDESA a que toma todas as decisións”, explicou.
Na súa intervención, o deputado tamén preguntou como é posible que a día de hoxe non exista ningunha previsión do goberno para a reindustrialización das Pontes e que despois de catro orzamentos tampouco exista ningunha partida neste ámbito.
Mancha Montero de Espinosa eludiu responder ás preguntas formuladas polo deputado do BNG e anunciar algún compromiso por parte da consellería para mediar no despedimento dos traballadores e traballadoras de EINSA.