Parlamento Galego

BNG acusa a Xunta e permitir a creación dunha “lonxa encuberta” que compite de xeito desleal coa de Carril e Vilaxoán

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado critica o trato discriminatorio da Consellería ao darlles axudas aos parquistas  mentres llas denega sistematicamente á confraría de Carril

A deputada Montse Prado preguntou na Comisión de Pesca deste martes sobre as actuacións da Organización Empresarial Parquistas de Carril no porto de Vilagarcía, e acusou á Consellería do Mar de propiciar un proxecto de “lonxa encuberta” que supón unha “competencia desleal” para as lonxas de Carril e Vilaxoán. Ademais, critica o trato discriminatorio da Consellería ao darlles axudas aos parquistas que lles vén denegando sistematicamente á confraría de Carril para a ampliación da lonxa.

A deputada nacionalista quixo saber a contía total de axudas públicas que se lle deron á Organización Empresarial de Parquistas, despois de coñecerse que en 2022 se aprobaron 485.000 euros para a preparación e aplicación dos plans de promoción e comercialización. “Queremos transparencia”, demandou, porque  “vemos como é moi dilixente á hora de conceder axudas a unha organización de produtores privada que non sabemos cantos asociados e asociadas ten nin cantos parquistas están nesta Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) e cantos venden directamente da lonxa”.

Segundo recordou na súa exposición Montse Prado, hai máis de dous anos, a veciñanza de Vilagarcía viu frustradas as súas expectativas de abrir a fachada do Peirao do Ramal ao mar, cando a Autoridade Portuaria de Vilagarcía, na “habitual opacidade”, concedeu dúas naves en desuso, por un período de trinta anos, á Organización Empresarial Parquistas de Carril. O destino inicial destas instalacións foi a clasificación, almacenamento e promoción de moluscos bivalvos.

Poren, segundo indicou, o pasado 21 de decembro de 2024, publícouse no Boletín Oficial do Estado (B.O.E.) a solicitude para que os usos das naves pasasen de ser unicamente de clasificación e almacenamento de moluscos bivalvos, á clasificación, manipulación, envasado, almacenamento, procesado e estoxado de conservas de bivalvos, así como á venda, tanto ao por maior como ao detalle dos seus produtos, cuestión esta última pola que Prado tamén lle preguntou á directora xeral.    

 A esta solicitude súmase un proxecto presentado pola mesma Organización Empresarial Parquistas de Carril, asinado por José Luis Villanueva, para a construción dunha rampla, pantalán e rompeolas co fin de mellorar a loxística de entrada dos produtos do mar ao centro de clasificación. Este proxecto, que tería como obxectivo reducir tempos e procesos e eliminar intermediarios, é o que “acende todas as alarmas” sobre a posibilidade de crear unha “lonxa encuberta” que competiría de forma desleal coas lonxas de Carril e Vilaxoán que se atopen a menos de 3 km de distancia, así como coas propias empresas do sector, ao contar cun espazo público a un custo irrisorio.

Prado advertiu ademais sobre as posibles afectacións ambientais derivadas destas actuacións, en especial no que respecta ao proxecto de construción do rompeolas. A pesar de que as actuacións se realizan en dominio público portuario do Estado, a Xunta de Galicia tamén ten competencias en materia de marisqueo, tal e como establece o artigo 27 do Estatuto de Autonomía de Galicia.

É por iso que a deputada nacionalista criticou que lles “están concedendo un espazo público sen saber nin canto pagan nin a afectación medioambiental que suporía”. Preguntoulle así mesmo á directora xeral polas razóns de que a documentación do proxecto estea encabezada polo logo da Consellaría do Mar, acusándoa non só de apoialo, senón de ser os seus “impulsores”.

Montse Prado rematou a súa intervención emprazando ao PP a “poñerse por unha vez ao lado dun sector tan maltratado, no que a produción e a facturación e as rendas están baixo mínimos”. Incidiu na idea de que permitir este proxecto suporía a creación dunha “lonxa encuberta” e unha “competencia desleal” que afondaría aínda máis na situación crítica que está a atravesar o sector na zona.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG