A través dunha pregunta formulada polo BNG, o deputado nacionalista, Daniel Pérez celebrou o compromiso da consellería de Educación para resolver os graves problemas que obrigaron a precintar o salón de Actos do IES Alfredo Brañas en Carballo e que no inicio do curso 2023-2024 o obra da reforma integral do salón estea executada.
Daniel Pérez insistiu na necesidade de acometer “canto antes” as medidas necesarias para que o primeiro instituto de secundaria de Carballo continúe coa súa traxectoria educativa iniciada hai 50 anos.
Na súa intervención amosou diversas fotografías do desplome do teito do Salón de Actos e as consecuencias sobre a estrutura e mobiliario da praga de termitas que está destruíndo todas as estruturas de madeira e mesmo pode afectar a outras instalacións do centro.
O Alfredo Brañas, dixo, “foi un centro referencia de vangarda” no ensino público con 689 estudantes, 25 unidades e 60 profesores e profesoras. Nel, impártense clases de secundaria, bacharelato e un ciclo de actividade comerciais acollendo este ano un curso de comercio internacional.
O centro, engadiu, ocupa unha grande extensión e foi ampliado nos anos noventa. Na parte vella, conta co devandito salón que permite o acomodo de 294 persoas sentadas e unha parte alta con 119 butacas. O salón de actos caracterízase por unha boa acústica que lle permitiu desenvolver actividades durante todo o ano académico, un gran escenario e a posibilidade de proxeccións de cine e documentais para complementar o proxecto educativo.
En opinión do nacionalista a falta de uso do salón converte o Alfredo Brañas “nun centro incompleto” de aí a importancia do compromiso do goberno trasladado hoxe ao BNG para “arranxar de inmediato esta instalación”.
Tras o anuncio do Secretario Técnico da Consellería de Educación e Cultura, Manuel Vila, confirmando que o goberno comprometese a solucionar todos os problemas que afectan ao salón de Actos e que a reforma integral estará executada no inicio do curso 2023-2024, o parlamentario nacionalista insistiu na urxencia de acometer as obras ante o risco de novas caídas de materiais, cascotes, cableado eléctrico que obrigaron a precintar o salón e sobre todo dos efectos na estrutura e mobiliario de madeira causados pola praga de termitas. Neste sentido, volveu a alertar do risco da propagación da praga polo que volveu a insistir na necesidade de iniciar as obrar para arranxar o salón o antes posible.
Daniel Pérez reiterou o importante papel do salón de Actos permitindo desenvolver un gran número de actividades que deben ser recuperadas e amosou o seu interese en coñecer os prazos para o comezo das obras, tras meses de chamadas á consellería e recibir sempre a mesma resposta “largas”. O nacionalista reiterou que durante 16 meses, o interese da Xunta “foi nulo” e sempre baixo a escusa de que a actividade lectiva non se viu comprometida. Nesa liña, o deputado do BNG recalcou que a concepción do ensino non debe cinguirse a “impartir clases dentro de catro paredes” e acusou á consellería de defender unha “concepción decimonónica” porque o proxecto educativo tamén, afirmou, abrangue a actividades complementarias como as realizadas no salón de actos antes do seu peche.
“Os profesores e profesoras precisan dese espazo e o alumnado tamén” por iso a nosa insistencia dende o BNG para comezar as obras,” sen dilación” e que no inicio do curso 2023-24 academos a operatividade total do salón de actos.