O BNG, a través dunha pregunta parlamentaria ao goberno formulada pola deputada nacionalista, Mercedes Queixas acadou o compromiso do Secretario Xeral Técnico de Educación, Manuel Vila López para reforzar o profesorado do Centro Público Integrado Castro Baxoi de Miño, non eliminar unha unidade de 4º e iniciar as obras de mellora da cuberta do edificio.
Tras o compromiso do membro do goberno, a deputada do BNG celebrou que a consellería dera “marcha atrás” na súa decisión de eliminar unha unidade de 4º” que conlevaría a supresión dunha praza docente e unha de apoio. Queixas explicou que o CPI Castro Baxoi de Miño é o único centro educativo e eliminar unha unidade de 4º ten como primeira consecuencia a “desatención educativa” porque no vindeiro curso 23-24 a ratio dun grupo tan delicado como é o 1º de entrada na escola con 3 anos ou menos “se acrecentaría” tendo en conta que xa hai 21 matriculados, 2 con NEAE pendentes e un que se incorporará no mes de agosto. Estaríamos pois, ante unha “nunha ratio de máximos”.
Por outra banda, eliminar unha unidade de 4º tamén significa “ a eliminación progresiva de unidades en EI e EP”. Ademais das consecuencias mencionadas, a deputada explicou que o concello de Miño experimentou un gran crecemento demográfico nos últimos 10 anos e coa expectativa de seguir medrando. Ao longo do curso foi matriculado alumnado procedente da inmigración de Venezuela, Colombia, Ucraína, Marrocos, Pakistán... e o concello precisa de medios para o acceso á educación. Ao seu xuízo, “o PP non pode poñer en risco este dereito nun concello cunha situación demográfica positiva”.
Compromiso explícito durante o verán para analizar o arranxo da cuberta
Tras o anuncio de Vila López, a nacionalista celebrou a intención do goberno de atender as reclamacións do CPI Baxoi de Miño para reforzar o profesorado e as melloras no centro educativo e avanzou que o BNG estará “vixiante” ao cumprimento do compromiso anunciado hoxe no Parlamento galego. Agardamos, dixo Queixas, que ao que vostede se comprometeu na comisión de Educación e Cultura non sexa “un mero anuncio electoral” como xa aconteceu na anterior campaña co conselleiro, Román Rodríguez que unha vez máis, arroupado pola candidatura do PP en Miño comprometeuse incluso a construír outro centro pero a realidade é que o Partido popular práctica unha política de feitos consumados para eliminar unha unidade de 4º de infantil e “de paso, baleira o centro de persoal e alumando”, criticou.
O censo de poboación, recalcou a nacionalista fai necesaria a construción dun novo instituto para non fomentar o éxodo do alumnado de Miño a outros concellos.
A cuberta filtra a auga da chuvia ao interior do centro
A deputada tamén se referiu as deficiencias do edificio e celebrou que o Secretario Técnico de Educación se comprometera a dar unha solución inmediata para mellorar a cuberta do edifico, durante o verán tras o informe da comisión técnica e impedir así que a chuvia entre o centro. Este arranxo, dixo Queixas reforzaría a seguridade do alumnado polo que pediu un prazo para iniciar as obras sobre o que Vila López non se pronunciou.
A deputada reiterou que “o compromiso” debe ir acompañado de prazos e un “compromiso real” coa Comunidade educativa do centro de Baxoi de Miño.