O BNG vén de acadar o apoio inánime no Parlamento para que a Xunta actúe ente o Estado e ante Europa coa fin de evitar medidas gravosas novas para a frota da anguía, despois da intención da Comisión Europea de incluíla no apéndice I de Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres (CITES), o que implicaría a declaración de extinción da especie e a súa prohibición definitiva de comercialización.
A deputada Rosana Pérez defendeu a iniciativa na Comisión 8º, onde pediu que, se os informes favorables sobre a poboación de anguía en Galiza “non son aparentemente negativos”, se envíen tanto aos grupos parlamentarios da Cámara galega como a todos os organismos “que faga falta”, mesmo levándoos en man”, apuntou, para “facer valer eses informes diante do Goberno español e da Comisión europea”. E é que segundo ten manifestado o Goberno galego, os seus informes, que evidencian a sostibilidade do recurso nos plans de xestión, son coñecidos polo Goberno español e que considera desmesuradas as medidas propostas pola Comisión Europea, pero a deputada asegurou que aínda non tiveron acceso a eles.
A iniciativa tamén pedía reclamar ao goberno do Estado e á UE todos os informes científicos nos que se basearía a proposta de inclusión da anguía no apéndice I de CITES, así como a planificación e aprobación das medidas necesarias para “paliar a situación económica e social á que se pode ver abocada a frota galega desta especie no caso de se aprobar definitivamente no mes de novembro”. Esta medida suporía para a deputada nacionalista “un novo golpe” para a frota galega, que se vería afectada pola xestión inadecuada da pesca da anguía noutros países europeos.
O BNG, con esta proposición non de lei, buscaba tamén protexer o sector pesqueiro galego, que se vería seriamente afectado se as medidas da Comisión Europea se materializan, e solicitar á Xunta e ao goberno español que presenten os informes científicos que fundamentan a decisión da UE, así como a adopción de medidas para mitigar os prexuízos socioeconómicos derivados dunha posible declaración de extinción.
Na súa exposición, a responsable de Mar do BNG lembrou que o Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea adoptou en decembro de 2022 a decisión de aumentar a veda da anguía de tres a seis meses, medida que entrou en vigor no ano seguinte. Esta decisión tivo un impacto moi negativo para as arredor de 50 embarcacións galegas dedicadas á pesca desta especie, especialmente na ría de Vigo, onde a captura de anguía representa unha fonte importante de ingresos para os naseiros de Pontesampaio, Arcade, Cesantes, Redondela e Vilaboa, entre outros, así como noutras rías como as de Pontevedra, Ferrol e Arousa.
Pérez lembrou así mesmo que Galiza xa estaba sometida a unha veda anual de tres meses debido “á mala xestión da especie en outros países europeos” e que a medida de ampliación da veda, adoptada en 2023, “sorprendeu malia que os plans de xestión de anguía no noso país levaban anos en equilibrio”, indicou.
Na actualidade a anguía figura no apéndice II de CITES, a Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres, que impón limitacións á súa comercialización. Pero a Comisión Europea anunciou a súa intención de incluíla no apéndice I, o que implicaría declarar a especie en perigo de extinción e prohibir definitivamente o seu comercio a partir de novembro deste ano.