O BNG acadou hoxe un “acordo por unanimidade” para que o Parlamento galego inste a Xunta de Galiza a tomar as medidas necesarias co fin de garantir a actividade da empresa Muebles Hermida e o mantemento dos postos de traballo.
A deputada do BNG, Olalla Rodil amosou a súa satisfacción por un acordo que afecta ao concello de Lourenzá e a actividade económica do conxunto da comarca da Mariña e anunciou que o BNG seguirá “moi de cerca” o seu cumprimento porque a empresa está a piques de entrar en concurso de acredores e o persoal deixou de percibir o seu salario dende hai catro meses e precisase unha solución urxente.
Recentemente, e en sesión extraordinaria, o pleno municipal de Lourenzá aprobou por unanimidade unha iniciativa que demanda a mediación das administración públicas, nomeadamente da Xunta de Galiza, na procura dunha solución. Cómpre lembrar que Muebles Hermida conta con 97 traballadoras e traballadores e que sitúa á empresa como un dos principais centros de traballo da zona.