A deputada do BNG, Rosana Pérez defendeu unha proposta que acadou a unanimidade da comisión 2ª de Ordenación do territorio e Servizos para instar á Xunta a iniciar accións contra os incumprimentos das empresas concesionarias do trasporte público da Barbanza.
Na defensa da iniciativa, a nacionalista afirmou que o funcionamento do transporte público en Galiza, é “deficiente”, unha realidade que o Partido popular e a Xunta xa non poden seguir negando porque mentres o fan, miles de cidadáns permanecen ao “albur das decisións e falcatruadas” dunha empresa, Monbus, que “copa o 80% do transporte público en Galiza”. Unha empresa que actúa con total impunidade, a pesar de recibir “centos de denuncias individuais e colectivas que advirten da súa desatención e incluso da súa falta de respecto en moitos casos aos usuarios e usuarias”.
Para a deputada, a Consellería de Mobilidade e o goberno galego son “responsables” por non tomar ningunha medida contra os incumprimentos da empresa concesionaria do servizo de transporte público en Galiza.
A nacionalista lembrou o acordo parlamentario para que a Xunta estudara as denuncias e adoptara as medidas necesarias para garantir o cumprimento das condicións do contrato, e en caso contrario, “se abrirán expedientes para sancionar a Monbus” pero nada se fixo e despois dun ano deste acordo, “a situación empeorou” e miles de persoas plasmaron xa a súa sinatura, por tres veces cando menos, en queixas que se achegaron á Administración. “Persoas fartas de que a empresa incumpra os horarios flagrantemente, retrasos inxustificados, estado calamitoso dos autobuses, falta de información, e a negativa a entregar a folla de reclamacións cando é solicitada.
Persoas, engadiu, que tampouco atopan xustificación ningunha a que o transporte escolar sexa incapaz de atender ao alumnado dos centros da comarca, pais e nais que teñen que facer eles mesmos de “bus escolar” a diario porque os seus fillos e fillas quedan literalmente “tirados” nunha parada por tempo indefinido.
Por outra banda, tamén se referiu ás persoas de toda a comarca que necesitan acudir ao Hospital da Barbanza e non teñen conexión ao que sumou os hospitais de referencia da comarca como, o Clínico de Santiago e o de Conxo, “cunha conexión insuficiente que non se adapta nin aos horarios laborais das persoas que traballan en Santiago nin aos horarios das usuarias e usuarios.
A nosa proposta pretende, como todas as anteriores, “poñer fin a unha situación que hai moito tempo que é insostíbel e que a Xunta segue tapando”.
Ademais, nos últimos tempos, despois de que no mes de marzo o TSXG ditara sentenza a respecto de investigar presuntas irregularidades por parte de Monbus, a Xunta de Galiza non pode, nin debe, seguir desentendéndose deste problema e ten que ser a primeira interesada en aclarar o que está ocorrendo e poñer fin a unha situación que afecta gravemente á vida de miles de persoas.
Agardamos, dixo, Rosana Pérez, que este acordo non se converta en “papel mollado” e serva para resolver unha situación que afecta ás persoas na súa vida diaria e á hora de trasladarse aos centros de traballo, ensino e hospitais, concluíu.