O deputado do BNG, Luís Bará defendeu unha proposición de lei para reclamar as transferencias en materia de Trafico, circulación de vehículos e seguranza viaria. A proposta nacionalista para a súa toma en consideración. A proposta do BNG foi aprobada cos votos do BNG e PSOE e a abstención do Partido popular.
Esta proposta, explicou o deputado do BNG, conta cunha longa historia pero sobre todo, cos “12 anos de parálise do autogoberno durante a presidencia de Núñez Feixóo”, doce anos de “estancamento e retroceso” que fixo perder a Galiza posicións mentres outras nacións avanzaban e ampliaban o seu autogoberno.
Bará acusou ao PP de 12 anos de “recentralización” e incumprimentos parlamentarios ao que sumou promesas electorais incumpridas do PP no ano 2009 cando o propio Feixóo afirmaba que demandaría ao goberno central o traspasos das competencias.
Esta proposición de lei aprobada hoxe para a súa admisión a trámite, “non é un paso definitivo pero si un paso para avanzar nas transferencias” de: Dominio público marítimo terrestre, Portos de interese xeral, Aeroportos,Inspección de traballo,Autoestradas,Titulacións náutico pesqueiras, Meteoroloxía e Concas hidrográficas.
Gobernos de Feixóo con cero transferencias
Luís Bará lembrou que o 8 de outubro de 2009 de maneira “rimbombante”, o presidente Feixóo afirmou que “iniciaría a fase de maior autogoberno da historia de Galiza pero constatamos que o balance dos gobernos de Feixóo nesta materia son “cero, cero patatero, a nada, o baleiro, a irrelevancia política”. En vez de competencias temos que falar de “exceso de incompetencia” do Partido popular. Entre o ano 2008 e o 2021, engadiu o nacionalista, Galiza e Murcia foron as únicas que non recibiron ningunha transferencia. “Unha verdadeira vergoña”, afirmou.
Seguindo coa historia das transferencias, Bará acusou ao PP galego de facer un “exercicio de cinismo e hipocrisía” votando a favor no Parlamento galego e vetando en Madrid os acordos para facelas realidade. Até en tres ocasión foron vetadas na mesa do Congreso con Ana Pastor e Mariano Rajoy, engadiu.
O PP saca a careta no ano 2019
No ano 2019 o PPdeG fixo votos de obediencia a Madrid, “ sen disimulos” e cun espectáculo “bochornoso” alterando o presidente da Xunta a súa axenda en América para coller un avión e asistir, ás ordes do seu partido, con Casado á manifestación da ultradereita na Praza de Colón.
Por outra parte, incluíron no programa das eleccións Xerais do 2019 unha moratoria para paralizar a cesión de competencias ás comunidades autonómicas.“Casado: España no puede transferir máis competencias a las comunidades autónomas: esto ya no se aguanta, hay que reforzar la nación”. Abrazaron vostedes a axenda ultra, “máis España, máis Madrid e menos Galiza”, recalcou o nacionalista.
Só o BNG vota o mesmo no Parlamento galego e no Congreso
Esta mesma proposición de lei que defendemos hoxe para a súa admisión a trámite, dixo o nacionalista, xa foi aprobada neste parlamento por unanimidade o 8 de abril de 2008 e defendida en Madrid en setembro de 2010 por representantes do BNG, PSOE e PP pero vetada no Congreso por PP e PSOE, “partidos estatais segundo conveña e utilizando a Galiza como moeda de cambio”. Só o BNG votou o mesmo en Galiza e no Congreso porque os partidos centralistas “están a outra cousa” a obedecer o que digan en Madrid.
A transferencia que reclama o BNG atinxe á rede viaria, á dispersión da poboación, ao clima, orografía, parque móbil e elementos que explican a alta sinistralidade pero ademais resulta unha peza clave para a policía galega integral que a pesar de contar cunha lei aprobada no 2007 segue sen ser desenvolvida. A proposición de lei aprobada hoxe, resulta un paso imprescindible para “crear a policía galega integral” e equipararnos a Catalunya, Euskadi e Nafarroa.
O deputado concluíu a súa intervención agardando que “ desta vaia” e PP e PSOE decidan en Madrid se están ao lado de Galiza. Esta transferencia “non colma as nosas aspiracións” pero é un punto de partida e abre o camiño a novos logros, a “máis competencias e máis autogoberno.”