A deputada do BNG, Noa Presas, a través dunha proposición non de lei, defendeu hoxe no Parlamento galego “incorporar cláusulas de igualdade na contratación pública”. A proposta do BNG foi aprobada por unanimidade.
Na defensa da iniciativa do BNG, Presas afirmou que as cláusulas de igualdade supoñen “un salto cualitativo” e un avance para impedir que empresas como as vinculadas ao telemárketing que ofrecen servizo á Xunta de Galiza penalicen ás traballadoras por conciliar, obrigándoas a que o cambio de horario implique redución de xornada ou que as traballadoras da limpeza de edificios administrativos, teñan que convocar unha folga e estar ano e medio mobilizándose para acabar cunha fenda salarial que segundo a Enquisa do INE, as mulleres cobran unha medida de 5.479 euros menos que os homes ao ano.
O texto defendido pola deputada do BNG, inclúe designar unha comisión responsable para o seguimento do cumprimento das cláusulas de igualdade, definir e aprobar, no prazo de 6 meses, o proceso para a súa implantación así como elaborar e remitir á Cámara galega un informe anual da implantación progresiva e impulsar as modificacións legais para blindar a obrigatoriedade da inclusión deste tipo de cláusulas na contratación pública.
DEMANDAS FEMINISTAS CONTRA A DESIGUALDADE
A parlamentaria lembrou que o pasado 3M en Lugo e o 8M en toda Galiza, miles de mulleres demandaron nas rúas medidas contra a desigualade, o machismo e todas as formas de violencia de xénero . Temos que “pasar das palabras aos feitos”, e as mobilizacións do 8M merecen unha resposta institucional.
Neste sentido, apostou por explorar novas posibilidades fronte “as receitas que sostén o patriarcado” porque, dixo, as mulleres galegas queremos “igualdade e querémola xa”.
Para a deputada, “o sector público debe ser o espello para o sector privado e ten a responsabilidade de ser vangarda impulsando os cambios que a sociedade lle exixe”. Hoxe, reiterou Presas, damos un pequeno paso adiante e agora toca comprobar que os acordos parlamentarios non son “papel mollado”. Demandamos unha contratación responsable nun modelo de contratación pública que condiciona a vida da cidadanía, os dereitos sociais, as relacións laborais e tamén a calidade do traballo por iso é tan necesario introducir “cláusulas de igualdade” neste ámbito, concluíu.