parlamento galego

Aprobada unha iniciativa do BNG para completar a reforma do CEIP Vales Villamarín de Betanzos

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

A deputada Mercedes Queixas manifestou que esta iniciativa mellora a calidade educativa de Betanzos e garante en condicións de equidade para a totalidade do alumnado

Queixas denuncia a propaganda do Partido Popular en vésperas das eleccións e pide un compromiso real coas familias

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Mercedes Queixas, na Comisión 4ª, Educación e Cultura, demandou á Consellería de Educación, a través dunha Proposición Non de Lei, completar a reforma pendente nun dos bloques do CEIP Vales Villamarín de Betanzos, así como ampliar e mellorar as instalacións do comedor do centro para garantir a calidade educativa en condicións de equidade para a totalidade do alumnado.

O CEIP Francisco Vales Villamarín conta con 30 aulas de Educación Primaria e 11 de Educación Infantil e atende ao redor de 900 alumnos e alumnas, o que o converte nun dos maiores centros educativos de Galiza. Mercedes Queixas salientou os problemas de infraestrutura propios dun centro cunha antigüidade de medio século. “Requírese unha mellora da fachada e do illamento térmico do edificio, un cambio nas xanelas, melloras na iluminación e nas dotacións do centro, ampliación do comedor e outras reformas, como as que teñen a ver coa instalación eléctrica e de calefacción”.

A día de hoxe, “o comedor do centro de referencia atende a máis de 200 alumnos e alumnas, cando está pensado para dar servizo a 80” sinalou Queixas. En consecuencia, o alumnado debe xantar en dúas quendas, o que condiciona fortemente a prestación do servizo e a calidade do mesmo. “É necesaria unha ampliación e mellora das instalacións do comedor do centro” salientou.

Queixas manifestou o descontento do BNG coa situación do elevado deterioro, “incompatíbel coas necesarias garantías dunha calidade educativa merecente de tal nome”, que presenta o CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos “ que debe reverterse canto antes”.

Por outra banda, a deputada nacionalista destacou que dos 900 estudantes, máis de 200 conta cun informe de necesidades educativas especiais (NEAE), “unha atención inasumíbel por parte do profesorado do centro que é totalmente insuficiente”. Queixas pregúntase, “por que as familias teñen que librar unha batalla cada inicio de curso para que se garanta un ensino inclusivo que atenda a diversidade dos seus fillos?”.

O BNG reitera o seu apoio ás familias do CEIP Vales Villamarín, “como fixemos no encontro presencial e convidamos ao PP, á portavoz municipal, Cecilia Vázquez a falar co profesorado e coas familias para ser conscientes da realidade”. Critica como a Consellería de Educación evade responsabilidades e se ampara na propaganda electoral do PP, “titulares de prensa anunciando as obras do centro desde finais de 2023 con licitación para comezos de 2024”. Unha licitación inexistente ata o momento que califica de “engano e unha burla” á veciñanza de Betanzos”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG