“Feixóo en estado puro, case resentido porque se faga visible a situación da sanidade pública, prepotente, que ataca a todo aquel que lle leva a contraria, que nega as denuncias dos propios profesionais da sanidade e que utilizou a comisión de absolución do PP para criticar á oposición”. Así resumía a portavoz nacional, Ana Pontón, a intervención do presidente da Xunta na comisión de investigación da sanidade en solitario do PP.
Unha intervención que o xefe do Executivo reduciu a unha “cerimonia da confusión” con argumentos falaces, denunciou a líder do BNG, tras lembrar que os recortes en sanidade matan como demostrou o tráxico incidente do PAC da Estrada e os dous falecementos no servizo de urxencias do CHUS que investiga a Fiscalía.
“Ante isto non imos calar, nin ante as mentiras do presidente da Xunta”, advertiu, porque “Feixóo minte cando asegura que hai máis recursos na sanidade pública cando só en atención primaria o recorte acumulado é de 2.000 M€, minte cando di que hai máis persoal tras cinco anos cunha taxa de reposición do 10% e un Consello de Contes sinalando que o persoal medio diario no SERGAS é de 1.000 efectivos que cando chegou á Xunta”.
“E minte cando presume de listas de espera mentres os datos oficiais dan un incremento e miles de galegos se desesperan coas axendas pechadas para consultas con especialista, e minte cando di que non hai profesionais pero nas convocatorias son máis os candidatos que as prazas ofertadas, porque escapar da precariedade laboral do SERGAS non é sinónimo de falta de profesionais”, alega.
Pontón replicou ao presidente da Xunta cando preguntou polo modelo sanitario da oposición, na “sesión de botafumeiro” ante o seu grupo parlamentario.
“O modelo do BNG non ten que ser copiado de fora, é un modelo que defende máis recursos para a sanidade pública, acabar coa precariedade e poñer no centro á saúde das persoas, fronte ao modelo do PP que consiste en facer da saúde un negocio, modelo ensaiado en Madrid con Esperanza Aguirre e que aquí copiou Feixóo no Hospital de Vigo e en parte do sistema sanitario. Consiste en privatizar para que empresas privadas amigas do PP fagan negocio”, ironizou.
A líder do Bloque lamentou que o xefe do Executivo ignore as demandas e a mobilización dos profesionais e da sociedade en defensa do sistema público de saúde.
“Se todo estivese tan ben no teríamos ao persoal de urxencias do CHUS en folga indefinida, a dimisión en bloque dos xefes e xefas de atención primaria, aos PACs en pé de guerra, problemas no transporte sanitario urxentes e, sobre todo, non teriamos a miles de persoas preocupadas nas súas casas porque ven que cos recortes e as privatizacións de Feixóo non se atende ben a súa saúde”, argumentou.
Pontón concluíu salientando o “gran traballo” dos e das profesionais fronte a un presidente a Xunta que leva dez anos dedicado a recortar e privatizar. “Non nos vai calar, nin imos participar en cerimonias de confusión”, concluíu.