A portavoz nacional, Ana Pontón, e a eurodeputada, Ana Miranda, viaxarán este sábado a capital de México, onde asistirán ao acto de investidura da nova presidenta, Claudia Sheinbaum, e onde desenvolverán unha intensa axenda para estreitar lazos coa comunidade galega na diáspora, con encontros coa colectividade galega, con empresarios e con distintos colectivos do ámbito político e social. Axenda intensa que levou semanas de organización.
O BNG asistirá á investidura da presidenta electa en resposta ao convite da formación política Morena, un acto no que participarán Pontón e Miranda, como antes asistiron en representación do Bloque ás tomas de posesión dos actuais presidentes de Chile e Colombia, que igualmente serviron á formación e á líder nacionalista para manter encontros coa comunidade galega en ambos países.
En relación á presenza de Pontón na sesión de investidura no Congreso da Unión de Estados Americanos, a líder do BNG destaca o momento de cambio en México, no que por primeira vez un dos grandes países de América Latina vai estar liderado por unha muller.
En canto á axenda que a portavoz nacional desenvolverá na capital azteca, inclúe contactos con galegos na diáspora, empresarios e representantes políticos. Neste sentido, manterá un encontro con galegos residentes en México, entre os que se atopa a familia de Elixio Rodríguez, membro das Mocidades Galeguistas.
De igual xeito, reunirase coa directiva e socios da Asociación de Empresarios galegos en México (UMEGAL), cos que abordará a súa actividade e analizará as relacións económicas actuais e potenciais entre México e Galiza.
Pontón tamén manterá unha reunión coa secretaria xeral de Morena e senadora do Congreso da Nación de Estados Mexicanos, Citlalli Hernández, asistirá á clausura do congreso do Partido do Traballo e manterá encontros con representantes dos medios de comunicación.