A senadora do BNG, Carme da Silva, vén de rexistrar unha iniciativa no Senado para instar o Ministerio de Transportes a levar a cabo actuacións urxentes de mellora da seguranza viaria na N-550 ao seu paso polo núcleo urbano de Valga, Pontevedra. A formación nacionalista demanda un plan de actuación integral que inclúa medidas de remodelación das interseccións, a instalación de pasos peonís elevados e a implantación de elementos para o calmado do tráfico.
Durante a visita o concello de Valga, Carme da Silva estivo acompañada polos concelleiros da formación nacionalista Fran Devesa e Miguel Lois, ademais de militantes do BNG de Valga. A senadora nacionalista aproveitou a ocasión para anunciar o rexistro de iniciativas para garantir a mellora da seguranza viaria na N-550 ao seu paso polo termo municipal.
A N-550, que recibe o nome de Avenida da Coruña ao seu paso por Valga, constitúe a principal travesía urbana da localidade. Con todo, segundo denuncia o BNG, esta vía segue a manter unha configuración propia dunha estrada interurbana, en lugar de adaptarse á súa realidade urbana. Actualmente, carece de elementos básicos de seguridade viaria e accesibilidade, a pesar de ser a rúa central da localidade e albergar servizos esenciais como o consistorio, centros sanitarios, escolares, comercios e estabelecementos de hostalería.
Segundo destaca Carme da Silva, "a situación actual da Avenida da Coruña en Valga pon en risco á veciñanza, xa que só conta cun paso de peóns ao longo de todo o seu trazado urbano, obrigando ás persoas a cruzar a estrada en condicións inseguras". Ademais, a senadora sinala que "os vehículos circulan a velocidades excesivas, sen que existan medidas eficaces de acougado do tráfico nin de control da velocidade".
O BNG pide ao Ministerio de Transportes actúe de inmediato para dotar esta travesía urbana dos elementos necesarios para garantir a seguridade viaria. Entre as medidas propostas inclúese a instalación de novos pasos peonís elevados, a habilitación de cambios de sentido para facilitar a mobilidade, a limitación da velocidade máxima a 30 km/h no tramo urbano e a mellora da accesibilidade peonil.
A formación nacionalista lembra que a titularidade da N-550 é estatal, polo que correspondería ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel asumir a súa adecuación ás exixencias actuais en materia de seguridade viaria e mobilidade sostible. Neste sentido, o BNG sinala ao Goberno central a necesidade de colaborar co Concello de Valga e deseñar e executar un proxecto de reforma integral da Avenida da Coruña, de xeito que deixe de ser unha barreira na trama urbana e se converta nun verdadeiro eixo vertebrador da localidade.
"Mentres non se leve a cabo unha actuación integral, é imprescindible que se acometan melloras urxentes para garantir a seguridade viaria da veciñanza de Valga" conclúe Carme da Silva.