Galegas 2020

Ana Pontón: “Verín foi a 1ª derrota do PP, o 5 de abril será a definitiva e Ourense será clave”

Presentación Ourense
Presentación Ourense
Compromiso de goberno do BNG: acabar coa Galiza de dúas velocidades cunha aposta polo emprego, servizos públicos e infraestruturas no rural

Galiza nunca foi bipartidista e hoxe, cun BNG á alza, menos que nunca. Así de contundente se mostraba a portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, na presentación en Ourense da lista que lidera Noa Presas.

“Equivocasen PP e PSOE se pensan que Galiza é bipartidista, nunca o foi e nunca o será. E máis, creo que este 5A podemos dar un gran paso adiante para demostrar que en Galiza a vella política do bipartidismo non mola nada, o que está de moda é o BNG, é poñer en valor o que somos como país e mostrarnos con orgullo a través dunha forza propia que ten un proxecto de transformador e de futuro para Galiza”.

A líder nacionalista respondía así á pregunta dos medios en relación á demanda de limitar os debates electorais ao tándem PP-PSOE.

Pontón arroupou o acto de presentación da candidatura do BNG en Ourense, que cualificou de “equipazo propio dunha champións” que sae a por todas co convencemento de que o PP se xoga a maioría absoluta nesta provincia.

“Vai ser aquí onde o PP perda a súa maioría absoluta, vai ser Ourense quen lle poña fin ao goberno absolutista e inútil do PP cun apoio masivo ao BNG nas urnas. Feixóo xa tivo aquí a súa primeira derrota con Verín non se pecha e estou convencida de que o 5 de abril imos ganar a batalla definitiva dándolle carpetazo ao Goberno do PP e apostando por abrir un tempo novo da man do BNG”.

Unha certeza que tamén expresou a cabeza de lista Noa Presas. “No BNG témolo claro: o PP vai perder a maioría absoluta en Ourense e imos facer historia cun goberno sen ataduras para dar a cara por esta provincia cunha muller nacionalista na Presidencia”, destacou a líder dunha candidatura que combina experiencia e renovación. A voz “rebelde e poderosa” a favor de Ourense que foi Presas no Parlamento, -en palabras de Pontón-, o Bloque quere sumar as de outr@s integrantes da candidatura, como Iago Tavarés, María González ou Diego Lourenzo.

Na presentación, a líder nacionalista explicou as prioridades do BNG para Ourense cun reto claro: acabar coa Galiza das dúas velocidades, “ e poñer fin á inercia que nos leva a un interior despoboado, con menos recursos, con menos servizos e con menos esperanza no seu futuro, cando debía ser ao contrario. O que precisa Ourense é un goberno á altura”, alegou a nacionalista.

Neste sentido o programa de goberno do Bloque inclúe propostas en tres ámbitos claves para reverter a situación: emprego, servizos públicos de calidade e infraestruturas.

“A pregunta é moi sinxela: que move ás persoas a permanecer nun concello, nunha cidade, nunha vila? Traballo e servizos públicos que lle permitan establecer un proxecto vital en condicións de benestar social, e unhas infraestrutura que lle permitan estar conectado co resto do mundo”, argumentou Pontón.

Contratos homologados

No plano económico e de creación de emprego,  o programa de goberno do BNG  considera o medio rural como un sector estratéxico desde o punto de vista económico, social e de preservación do territorio e medidas concretas para garantir rendas xustas para os produtores do sector primario, con contratos homologados que fixen prezos mínimos

Aposta por un rural do S. XXI cunha aposta pola transformación dos produtos agrogandeiros para xerar valor engadido e máis renda. A I+D+i e a transferencia de tecnoloxía son claves para un rural vivo e de futuro. E, prioritario, un rural libre de lumes para que Ourense deixe de arder ano tras ano polo abandono, apostando por un monte multifuncional.

Reverter recortes e privatizacións

En relación aos servizos públicos,  reverter recortes e privatización, tanto na atención primaria, como na atención hospitalaria, e reforzar os hospitais comarcais porque a atención sanitaria ten que estar o máis cerca posible das persoas. Dotar os investimentos necesarios e reclamar que sexa Galiza e non o Estado quen fixe a taxa de reposición.

E a terceira gran cuestión para revitalizar a Galiza do interior está nas infraestruturas. Ourense ten que estar ben comunicado polo que urxe dotar á provincia dun tren do século XXI con prezos e tarifas competitivas, acabar coa estafa do AVANT a aposta polas cercanias.  De feito, o programa de goberno inclúe a creación do GALTREN: un organismo público para a xestión do transporte ferroviario do país como xa teñen outros territorios.

“Hoxe hai unha maioría social que quere pasar da Galiza gris e decadente de Feixóo a unha Galiza en color, viva e con futuro que é o representa o BNG, un cambio galego para a maioría”, concluíu Pontón.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG