A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu á presentación de Francisco Xabier Domínguez, Drok, como candidato do BNG á Alcaldía de Corcubión, de quen destacou que será será un gran alcalde tras o 28M, “porque coñece moi ben este concello, preocúpase pola súa veciñanza e ten a capacidade e as ganas para facer que Corcubión recupere o impulso e a ilusión”.
Drok será, recalcou, o rexedor “que volva facer desta vila un lugar para vivir e traballar, con benestar social e empuxe no económico, no social e no cultural”. Un candidato acompañado “por un equipo que vai dar o mellor de si para que esta vila recupere o seu orgullo e volva ser un concello que avanza, que mellora, que vai a máis”.
Porque Corcubión é un municipio cun enorme potencial: ten un gran patrimonio natural e cultural, ten sectores produtivos, -en particular todo o relacionado co mar-; ten atractivo turístico, ten xente traballadora e con empuxe. “Pero Corcubión é tamén un concello estancado no tempo, que non avanza, que leva vinte anos perdendo poboación, perdendo oportunidades e xa é hora de que Corcubión deixe de perder para empezar a ganar un futuro mellor”, proclamou a líder do Bloque.
E para que Corcubión empece a ganar un futuro mellor “a alternativa é o proxecto do BNG da man do noso candidato e próximo alcalde, a persoa capaz de abrir un tempo novo de esperanza e de transformación en positivo, porque Corcubión merece avanzar e no BNG sabemos como facelo, porque temos un modelo municipal de éxito, que funciona e o demostramos todos os días nas vilas e cidades nas que gobernamos”, explicou.
De feito, argumentou, o Bloque foi xa o artífice dos avances que tivo este concello, porque todos os pasos adiante viñeron da man dun goberno do Bloque que durante máis de vinte anos impulsou este municipio, logrando que fose un referente na comarca.
“O BNG quere que Corcubión volva ser un concello activo e vivo, con servizos públicos, con boas infraestruturas portuarias, con espazos públicos de calidade, para colocar ás persoas no centro”, explicou, citando como exemplo desa aposta por servizos públicos de calidade, a defensa do centro de día, -pelexando agora para que se abra porque é unha necesidade nun municipio e nunha comarca con moitas persoas maiores que precisan esa infraestrutura.
Tamén no económico, o BNG defende instalacións portuarias propias do século XXI, un centro municipal para impulsar o emprendemento e dar apoio a todas as iniciativas que aporten riqueza e emprego, “porque é importante conseguir que a xente moza teña oportunidades e se quede neste concello”.
Igualmente o proxecto da formación nacionalista aposta por espazos públicos de calidade que sirvan de lugar de encontro da veciñanza, con propostas como a de humanizar a Praza de Castelao. E, desde logo, o BNG compromete “un concello de portas abertas, transparente, no que a veciñanza participe na acción do goberno, porque temos moi claro que o concello é dos veciños e das veciñas”.
“Sei que ides a por todas nestas eleccións municipais, sen poñervos límites, que saídes a gañar, sabendo que o BNG ten proxecto, liderado e equipo para pedir a confianza dos veciños e veciñas. Desde esa confianza, estou segura, imos ter un resultado histórico en Corcubión, cun alcalde do BNG tras o 28 de maio”, rematou Pontón, quen tivo palabras de recoñecemento e cariño para Rafael Mouzo, histórico alcalde desta vila durante dúas décadas.
“Recollendo ese legado, non teño ningunha dúbida de que compañeiro Drok vai ser o próximo alcalde de Corcubión a partir do 28 de maio”, concluíu.