A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento a participar nas concentracións convocadas polo BNG esta tarde ás 20.00 horas nas sete grandes cidades, contra a decisión do Tribunal Supremo de salvar á banca cargando sobre as persoas o pago do imposto por subscribir un préstamo hipotecario.
“É indignante o esperpento da Xustiza e non é democrático que un tribunal cambie unha sentenza por presións da banca, non é democrático que recoñeza que hai unha estafa bancaria e en vez de defender ás persoas estafadas se poña do lado dos estafadores. Non ten sentido e témolo que denunciar nas rúas”, instou Pontón durante un acto contra o espolio enerxético organizado polo BNG na Coruña.
“Temos dereito a vivir nunha democracia e non nesta bancocracia na que está convertida o Estado español”, salientou, “na que vemos como a Xustiza e os poderes públicos defenden os intereses dunha oligarquía mentres deixan tiradas a milleiros de persoas”. Por iso, o Bloque aposta por unha resposta contundente nas rúas contra esta “aberración xurídica”.
“Hai que responder ante esta falta de vergoña da banca e dun poder xudicial ao servizo do poder”, reclamou, “denunciar esta nova estafa bancaria e este novo caso de corrupción que paga a cidadanía”.