A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón instou ao Goberno galego a “poñerse as pilas” para dar resposta ao brutal incremento dos prezos e “traballar urxentemente” para dar resposta aos sectores máis afectados pola crise económica e social. Neste sentido, anunciou que enviou unha carta a Alfonso Rueda cunha “axenda de asuntos estratéxicos” que o BNG considera prioritarios no actual contexto.
A proposta dixo, inclúe catro grandes temas: mobilizar 700M€ para os sectores máis afectados pola suba de prezos, un Plan de choque dotado con 200 millóns de euros contra o colapso e reforzar a Atención primaria, un modelo de coidados de xestión pública das sete residencias proxectadas e frear o boom eólico “depredador” para poñer o vento ao servizo de todos os galegos e galegas e non das grandes empresas.
Pontón explicou que a crise económica está a afectar máis gravemente a Galiza que ao resto do Estado con salarios e pensións á cola e para iso é preciso implantar medidas para paliar a crise. Dende o BNG xa propuxemos incrementar o tramo autonómico das pensión non contributivas e a RISGA así como axudas para gastos básicos nas vivendas e rebaixas das autoestradas.
Na carta remitida ao presidente das Xunta figura, “un paquete de medidas con 700 Millóns de euros que deben ser articulados de maneira inmediata” para os sectores máis afectados. Por outra parte, tamén é necesario rematar co colapso da Atención Primaria e propoñemos un Plan de choque dotado con 200 millóns de euros para a contratación de profesionais e non ter que volver a ver unha situación semellante á producida esta fin de semana no Rosal cun paciente en padiola percorrendo o pobo para seren trasladado ao hospital de Vigo en helicóptero ante a falta dunha ambulancia.
Entre as propostas incluímos a atención aos maiores.Nesta liña, Pontón denunciou que a vellez “non pode ser un negocio” de aí a proposta do BNG para xestionar publicamente as sete residencias que se están proxectando.
Ademais, engadiu, urxe rematar co modelo eólico do Partido popular que cualificou de “depredador” co territorio e o medio ambiente. Dende o BNG propoñemos “un modelo sustentable”, respectuoso co medio ambiente e o rural e que “os beneficios do vento revertan en riqueza e empreso no noso país” e non para as grandes empresas.
A portavoz do BNG asegurou que Rueda ten a oportunidade de demostrar que está polo diálogo e chegar a acordos para poñer en marcha o “Plan de reforzo da Atención Primaria, axudas ás Pemes, avanzar nos coidados da vellez e que a riqueza eólica se utilice para xerar riqueza en Galiza”.
A cidadanía, aseverou, “esta cansa” de tanta "bronca e crispación" e necesita respostas e medidas contra a crise para poder chegar a fin de mes e pagar as facturas. Os asuntos que lle remitimos ao titular da Xunta van nese camiño e circunscríbense a catro ámbitos: 700 millóns de euros contra a crise para os sectores económicos e sociais máis afectados, 200 M€ para reforzar a Atención Primaria, un novo modelo de atención para os nosos e nosas maiores e frear o “boom eólico depredador” para acadar un desenvolvemento sustentable do noso territorio.
“O goberno non pode continuar paralizado e sen ofrecer medidas de alcance”, concluíu.