Ana Pontón recalca o “firme obxectivo” do BNG de que a riqueza eléctrica de Galiza contribúa ao desenvolvemento do País

Visita ASIME
Visita ASIME

Espera que o encontro Feixóo-Calviño no se limite á foto e sirva para ter un trato xusto nos fondos Next Generation, que deben xestionarse desde aquí“Deben ser fondos prioritarios para impulsar a I+D+i para apuntalar a nosa industria”, salientou en Vigo na visita a feira MindTech de ASIME

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou na súa visita á feira do sector industrial organizada por ASIME que a escala da factura eléctrica tamén impacta nas empresas galegas lastrando a súa competitividade e poñendo en risco miles de postos de traballo nunha Galiza rica en electricidade.

Hoxe o prezo do megavatio hora é de 188 €/h cando fai un ano era de 43€, “e isto afecta de cheo ás familias pero tamén as empresas”, subliña Pontón, “por iso no BNG temos unha convicción e un obxectivo firme: que a riqueza eléctrica de Galiza ten que servir para impulsar o desenvolvemento económico do País”. E iso pasa, entre outras cuestións, por ter unha tarifa eléctrica galega diferenciada como xa teñen outros países europeos con zonas produtoras, como Alemaña, Reino Unido, Suíza ou os países nórdicos.

“Unha realidade que debe trasladarse a Galiza e por iso  PP e o PSOE deben explicar por que se unen para votar a favor do lobby eléctrico pero en contra dunha medida que beneficia ao País”, reclamou. En todo caso, indicou, o BNG no tira a toalla “e imos seguir dando o debate porque é unha cuestión clave para as familias e tamén para as empresas unha tarifa propia máis barata como zona produtora. Sería o maior incentivo fiscal que podemos ter para asentar industrias”, alegou.

Visita ASIMENeste sentido, Pontón lembra que Euskadi xa conta cunha tarifa máis baixa que lle permiten aforran 60 M€ cada ano ás electrointensivas do seu territorio, o que as fai máis competitivas, mentres aquí o Goberno de Feixóo “négase” a negociar o mesmo.

Entre as propostas do BNG, unha empresa pública de enerxía, que asuma as concesións hidroeléctricas a medida que vaian caducando e que permita competir co oligopolio actual. Igualmente, un centro de almacenamento de enerxía e mudar o marco normativo que acabe coa estafa dos beneficios caídos do ceo.

Next Generation

En relación á negociación dos Next Generation, no marco do encontro entre a vicepresidenta Nadia Calviño e o presidente da Xunta, Pontón destacou que o Bloque leva meses traballando e aportando propostas para que Galiza non sexa discriminada nos fondos europeos de recuperación económica e para que o cheguen as PEMES, aos servizos públicos e sirvan para poñer en marcha unha transformación económica do País, en clave verde, sustentable e baseada na ciencia e no coñecemento.

A líder nacionalista denuncia que Feixóo segue sen explicar no Parlamento cal é a proposta do seu goberno para que Galiza se beneficie deses fondos e espera que o encontro entre ambos responsables políticos “non quede nunha mera foto”. “O que debería poñer o presidente da Xunta na mesa dese encontro é que Galiza debe aspirar a recibir 12.600 M€, así como a xestión deses fondos desde aquí e sempre pensando en que deben chegar ao tecido produtivo real e non quedar nas mans dun puñado de multinacionais”, concluíu.

Sector industrial do metal

Pontón trasladou os seus parabéns á dirección de ASIME, organizadora da feira MindTech da industria do metal e das tecnoloxías asociadas, por un evento que congregou en Vigo a referentes dun sector clave na economía xa que representa o 20% do PIB galego, agrupa a máis de 600 empresas, -moitas de relevancia internacional-, e xera 57.000 postos de traballo. “Un baluarte económico”, indicou.

Pontón recalcou a importancia da ciencia e da investigación e, nese sentido, considera que os fondos NextGen deben ter unha liña prioritaria para impulsar a I+D+i nas empresas e no tecido produtivo do País. “A crise derivada da pandemia volveu poñer de relevo a importancia de ter industria, e por iso os fondos europeos de recuperación deben servir para apuntalar a nosa industria e atallar a desertización industrial que soportamos”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG