Ana Pontón propón un plan para mobilizar vivenda baleira destinada ao aluguer a prezos accesibles para mocidade e rendas baixas

Ana Pontón - San Froilán
Ana Pontón - San Froilán
Pide ao Goberno do PP que active esta medida que permitiría poñer no mercado vivendas dun xeito máis rápido que as de nova construción   

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou desde Lugo ao Goberno do PP que poña en marcha un plan para mobilizar vivenda baleira co obxectivo de destinala ao réxime de aluguer con prezos accesibles para que a mocidade e as familias con rendas baixas poidan acceder a unha vivenda.

Pontón explicou dende Lugo, a onde se desprazou para asistir ás Festas do San Froilán que, aínda que é importante acelerar a construción de vivenda protexida, esta medida non vai ter “ningún efecto” no curto prazo.

Por iso, insistiu en reclamarlle ao Executivo de Alfonso Rueda que poña en marcha un plan para mobilizar vivenda baleira que, ao estar xa construída, podería poñerse de maneira rápida xa en réxime de alugueiro para as rendas máis baixas e para a mocidade.

“Cremos que esta é unha medida que tería un gran impacto positivo”, afondou a líder nacionalista, quen explicou que deste xeito se posibilitaría, primeiro, poñer a disposición da cidadanía moitos dos inmobles que xa están construídos e, en segundo lugar, que permitiría dar resposta moito máis rápida ao problema da vivenda que agardando á construción de vivenda pública “que ten unha tramitación moito máis lenta” e que, polo tanto, “no curto prazo non vai facerse realidade”.

Previamente, e a preguntas dos medios logo dunha reunión en Santiago coa directiva do Colexio de Xornalistas, a portavoz nacional xa se referira aos anuncios en materia de vivenda do titular da Xunta, ao que acusou de “prometer facer agora en cinco minutos” o que o “o Partido Popular non fixo en 15 anos”, con “medidas cosméticas” que non van solucionar o fondo do problema, o alto prezo da vivenda.

Logo de recalcar que o PP “dinamitou durante 15 anos a política pública de vivenda”, Pontón animou ao titular da Xunta a deixarse de anuncios e poñerse realmente a traballar para frear os prezos desbocados que teñen neste momento os alugueres.

Por iso, e ademais de acelerar a construción de vivenda pública, xa apuntara a necesidade de poñer en marcha un plan de mobilización de vivenda baleira que, xunto coa declaración de zonas tensionadas, permitiría realmente afrontar o problema de fondo que hai neste ámbito de actuación.

Neste sentido, emprazou a Ruda a explicar por que se nega a declarar as zonas tensionadas que lle están reclamando os concellos, medida que si contribuiría a controlar os prezos do aluguer. “Xa sabemos que non o vai facer porque desde Génova non lle deixan”, afirmou, en alusión ao manifesto asinado polo PP no que se dicía que “non ían declarar zonas tensionadas porque llelo manda o Partido Popular desde Madrid”, advertiu.

Pontón considerou unha “tremenda irresponsabilidade” esta negativa que o PP debe explicar á cidadanía dado que o problema do prezo da vivenda non se vai solucionar con “cheques”, senón cunha Xunta que exerza as súas competencias con medidas como precisamente a declaración de zonas tensionadas ou a mobilización de vivenda baleira para poñela de xeito áxil no mercado de aluguer, concluíu. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG