A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un recoñecemento ás mulleres e ao movemento feminista que volveu dar exemplo de reivindicación desde a responsabilidade, deixando en evidencia o discurso dos que lles negaban o dereito a manifestarse nas rúas.
“No ano en que moitas mulleres arriscaron mesmo a súa saúde para coidarnos, vimos como se cuestionaba o noso dereito a manifestarnos este 8M, tratándonos pouco menos que de irresponsables e incluso aboando o terreo para culparnos ante unha eventual cuarta onda. Esa era a mensaxe da dereita e da extrema dereita, man a man, como xa fixeron o pasado 8M dun xeito indecente, puro machismo político”, criticou Pontón.
A líder nacionalistas levou á sesión de control a repercusión da crise sobre as condicións económicas e laborais das mulleres, “porque a pandemia tamén entende de xénero e as mulleres foron as primeiras en perder o emprego e retomar o traballo no fogar, sen contrato, sen salario e sen dereitos”, indicou, tras debuxar con datos a situación laboral tras o paso da COVID.
15.600 mulleres pasaron a realizar coidados no fogar, -“porque así é como se suple a falta de servizos públicos do seu Goberno, señor Feixóo, co traballo de balde e sen dereitos das mulleres”-; oito de cada dez postos de traballo destruídos estaban ocupados por mulleres e continúa a fenda salarial con 4.527 € menos de media anual.
Neste contexto, Pontón pide ao presidente da Xunta que actúe e presenta unha batería de medidas, entre as que destaca un Plan de emprego feminino “que corte de raíz a involución que supón ser expulsadas do mercado de traballo e perder a independencia económica ligada ao desenvolvemento profesional”, explicou.
Ademais, traballar nun novo modelo de coidados que permita crear unha rede pública suficiente para conciliar, “porque hoxe é ciencia ficción”; excluír da contratación pública ás empresas condenadas pola discriminación laboral e desenvolver un Plan de igualdade da Xunta, “porque é incrible que o seu Goberno persista en incumprir a lei precisamente nun asunto no que debería dar exemplo”.
Como é habitual, Feixóo evitou responder ás propostas da portavoz do BNG, ao tempo que argumentaba a cuestións sobre que non se formularon, -como a concesión de axudas no fogar-, e limitouse a dar unha visión triunfalista da situación da muller no mercado laboral.
“Este 8M as galegas non imos esquecer que a súa gran aportación foi tentar usar a figura de Emilia Pardo Bazán para branquear o franquismo, non imos esquecer que o PP xunto coa extrema dereita cuestionaron o dereito das mulleres a manifestarse na rúa, nin imos esquecer os pactos do PP cunha forza que fai apoloxía do machismo e que tacha de feminazis as mulleres que defendemos o noso dereito a unha igualdade real. Iso si da arrepíos”, recriminou Pontón.
Xordeira desde o coche oficial
A líder do Bloque criticou o discurso triunfalista do presidente da Xunta ignorando que a pandemia non fixo senón empeorar as condicións laborais das mulleres, tamén naqueles sectores feminizados cuxo traballo foi clave para soster á sociedade no peor da crise.
Sanidade, coidados, limpeza, comercio, postos altamente precarizados, con salarios baixos, invisibilizados e pouco valorados.
“E ao Parlamento a dicirlles que as súas condicións foron a mellor, báixese do coche oficial e escoite ás mulleres deste País, porque lonxe de mellorar as súas condicións empeoran e estamos vivindo unha involución que precisa unha actuación con feitos. A súa resposta non pode ser dicir que vai todo ben e que non vai facer nada por mudar o escenario laboral deixado pola pandemia”, concluíu, tras lamentar que o PP votase en contra de destinar o 1% do orzamento da Xunta a loitar contra o terrorismo machista.