Ana Pontón propón un gran acordo pola lingua que permita reverter a perda de falantes logo da “cruzada” do PP contra o galego

Parlamento aberto
Parlamento aberto

Urxe un cambio de rumbo nas políticas de “persecución sistemática” do Goberno de Rueda ao idioma para garantir o dereito a aprendelo e usalo

Propostas BNG: impulsar un novo plan a favor do galego, actualizar a Lei de Normalización Lingüística e novo decreto de uso da lingua no ensino

A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo un gran acordo pola lingua que naza dun amplo consenso con todos os axentes políticos, económicos e sociais e que permita reverter a tendencia de perda de falantes e colocar o idioma propio no lugar que lle corresponde, logo da “cruzada” do Goberno do PP contra o galego.

Así o avanzou nunha nova xornada dos encontros Parlamento Aberto organizados polo BNG e que, nesta ocasión, centrouse na situación da lingua, nun momento no que se cumpren 20 anos da aprobación do Plan de Normalización Lingüística, despois dun proceso participativo moi amplo que conseguiu “algo que non é fácil, o diálogo e o consenso”, lembrou a portavoz nacional.

Sen embargo, Pontón recalcou que “foi o Partido Popular quen esnaquizou” o acordo, emprendendo unha “cruzada” contra o idioma que comezou co actual presidente da Xunta poñéndose “detrás dunha pancarta contra o galego”, que continuou co “decreto da vergoña” que limita o seu uso na escola e, posteriormente, co PP votando no Parlamento en contra de que o idioma galego se poida utilizar no Congreso, “unha vergoña que acompañará ao señor Rueda ao longo da súa vida”, afirmou.

Nesta “estratexia de acoso”, tamén enmarcou a intención do PP cunha nova lei de reducir a presenza da lingua nos medios públicos, que naceron precisamente para darlle vida ao galego no ámbito audiovisual.

“Estamos ante unha política deliberada do Partido Popular de perseguir por terra, mar e aire da nosa lingua”, resumiu, para advertir a continuación que neste “boicot contra o galego”, o PP utiliza “toda a forza que dá ter o goberno da Xunta”, con graves consecuencias para a situación do idioma propio no País.

Neste sentido, indicou que son as políticas do PP as que explican que o galego sexa a única lingua do Estado que perde falantes e que, por primeira vez, deixara de ser a lingua maioritaria da sociedade, a consecuencia de medidas como, “por primeira vez en democracia”, prohibir que a utilización da nosa lingua en materias educativas como, por exemplo, como matemáticas, física, química ou tecnoloxía.   

A isto sumou o feito de que unha parte moi importante do sistema educativo non está cumprindo a función de apoio e reforzo da lingua galega, dando pé a unha realidade na que nenos e nenas entran na escola falando galego e saen falando castelán.   

A líder nacionalista referiuse así a unhas políticas lesivas para o idioma, no que ese “cacarexado plurilingüísmo do que fala o PP é un timo”, afirmou, porque o que agocha é unha política que “quere camiñar cara a un monolingüísmo”, onde cada vez haxa menos galego e máis castelán, tal e como xa acontece e como acreditan distintos informes do Consello da Cultura e da Real Academia Galega.

Neste contexto, Pontón pediu ao Goberno do PP que defendeu a necesidade dun “cambio de rumbo” co obxectivo claro de garantir o dereito a aprender o galego e o dereito a usalo con liberdade en calquera contexto en todos os ámbitos da vida, para o que pediu ao Goberno do PP que abandone a súa cruzada, que deixe de boicotear a lingua e que volva “aos grandes acordos a favor do noso idioma”.  

Un gran acordo sobre tres grandes medidas

Por iso, o goberno alternativo do BNG propón este gran acordo pola lingua e que estaría asentado sobre tres grandes medidas. A primeira, impulsar un proceso amplo, plural e participativo para elaborar un novo plan a favor do galego, adecuado á realidade de 2024, un novo plan que partiría dos resultados do Plan Xeral de Normalización Lingüística e dos informes que hai a disposición da sociedade que dan conta da situación do idioma.

A segunda gran medida proposta pola formación nacionalista é a revisión da Lei de Normalización Lingüística que, logo de 40 anos de vixencia, é preciso actualizar para adaptala á realidade social, cultural, económica e tecnolóxica dos nosos días.

Por último, este gran consenso estaría baseado tamén na elaboración dun novo decreto de uso da lingua no sistema educativo que acabe coa “actual discriminación” da lingua, afondou a portavoz nacional, quen apuntou como reto a superación da desigualdade para garantir a liberdade de uso. “En igualdade para adquirir, en liberdade para escoller, dicía Luís Villalta”, recordou.

Pontón avanzou tamén o compromiso do BNG para traballar “man a man coa sociedade galega” a favor do galego, “a lingua que nos une e da que sentimos un profundo orgullo”, recalcou, fronte a un Executivo do PP que, na vez de recoñecer a “realidade crítica” do idioma e actuar para recuperalo, “fai xustamente a política contraria”, concluíu.  

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG