Ana Pontón propón destinar os 250 M€ que o PP quere dar a Altri a un Plan Ulloa-Ulla-Arousa que revitalice estas comarcas

Encontro Palas de Rei
Encontro Palas de Rei

O plan aposta pola recuperación do río Ulla, que redundará en beneficio da ría de Arousa, e por un novo modelo forestal baseado nun monte funcional

O apoio a proxectos económicos de transformación no medio rural, con liñas de axuda específicas para PEMES e cooperativas, entre as medidas

Un proxecto alternativo á “bomba ambiental da macrocelulosa de Altri que o PP quere colocar no corazón de Galiza”, resume a líder nacionalista

A portavoz nacional, Ana Pontón, propón que os 250 millóns de euros que o PP quere dar a Altri para desenvolver a súa “megacelulosa contaminante” se destinen á posta en marcha dun Plan Ulloa-Ulla-Arousa para revitalizar e impulsar o desenvolvemento económico destas comarcas, as que estarían afectadas polo proxecto da multinacional portuguesa, “unha bomba ambiental” que “o Partido Popular quere colocar no corazón de Galiza”.

Así o avanzou a líder nacionalista logo de reunirse en Palas de Rei con representantes do ámbito económico da comarca da Ulloa e visitar a cooperativa Milhulloa, un dos moitos proxectos que apostan polo desenvolvemento sustentable para fixar poboación e que Altri poría en risco cun proxecto que “é un engano á cidadanía” dado que non supón a posta en marcha dunha fábrica de fibras téxtiles como anunciara o PP, senón “unha macrocelulosa contaminante que non queren en Portugal”.

Fronte a este atentado ambiental que ademais pon en risco un “modo de vida” e a “centos de empresas que xa están funcionando” non só na comarca da Ulloa, senón tamén en Melide, Arzúa ou tamén as comarcas do Deza e Arousa, Pontón afondou no plan sostible e alternativo que o BNG defenderá no Parlamento galego e que se basea en tres grandes eixos de actuación.

O primeiro deles, o apoio a proxectos económicos de transformación no medio rural, cunha gran capacidade para innovar e para instalar novas empresas produtivas no ámbito agrogandeiro, e que incluiría liñas de axudas específicas para PEMES e cooperativas.

“En Agolada, por exemplo, hai moitos proxectos agrarios e forestais que levan 20 anos agardando a que se poida rematar unha concentración parcelaria”, exemplificou para evidenciar o abandono destes proxectos fronte ao “trato de privilexio” a unha multinacional portuguesa.

 En segundo lugar, o plan Ulloa-Ulla-Arousa aposta pola recuperación do río Ulla, o que significaría contribuír tamén á recuperación da ría de Arousa, con investimentos específicos para mellorar o estado de conservación do río para aproveitar todo o seu potencial económico, turístico e cultural, tamén na súa desembocadura.  

“Non podemos esquecer que a ría de Arousa ten neste momento un problema gravísimo de produtividade e unha das causas é precisamente a contaminación e que non se está conservando ben a calidade da auga deste río”, explicou para recalcar que a mellora do Ulla supón tamén “apoiar ás 4.000 familias que viven da ría de Arousa e que son parte fundamental da economía do País”.

O último e terceiro gran eixo de actuación do plan é a clara aposta por un novo modelo forestal sostible cun monte multifuncional e que non se limite só á primeira transformación da madeira, senón que “vaiamos a unha segunda e a unha terceira transformación”, afondou a líder nacionalista que, posteriormente, se trasladou ao concello de Santiso para valorar o proxecto de Altri tamén con representantes do BNG das comarcas da Ulloa, Terra de Melide, O Deza e A Montaña, entre os que se atopan os alcaldes de Santiso e Arzúa, Manuel Adán e Xoan Xesús Carril, respectivamente.

Pontón reafirmou o rexeitamento do BNG ao proxecto de Altri porque supón “unha bomba ambiental no corazón do País” e pon en risco o modo de vida e a centos de empresas, así como o propio Camiño de Santiago xa que, segundo alertou, “xa hai  advertencias de que Altri pode supoñer que perda a categoría que ten agora de Patrimonio da Humanidade”.

Por iso defendeu a necesidade de empregar os 250 millóns de euros que o PP quere conceder a Altri “para contaminar o noso País” nun desenvolvemento máis sostible de Galiza. “Se apoiamos ao noso sector agrario, ao sector turístico e a toda a xente que quere seguir vivindo do mar e se coidamos o noso medio, con eses 250 millóns imos ter moito máis emprego, moito máis futuro e, sobre todo, non imos seguir contaminando Galiza, nin hipotecando o futuro deste País”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG