xerais 2023

Ana Pontón propón un debate ao máximo nivel con motivo do 23X

Confía en que Rueda acepte un debate como o celebrado na TVG nas eleccións xerais de 2008 a petición de Feijóo, con Quintana e Touriño

“Por coherencia, calidade democrática e porque os galegos e as galegas teñen dereito a saber para que lle imos pedir o seu voto este 23X”, alega

Con motivo da cita coas urnas do 23 de xullo, a portavoz nacional, Ana Pontón, propón a celebración dun debate electoral ao máximo nivel entre as principais forzas políticas para explicarlle á cidadanía cales son as alternativas para defender os intereses de Galiza no Congreso e no Senado.

“No BNG entendemos que os debates electorais son un dereito da cidadanía e por iso facemos esta proposta dun debate na TVG como medio público en horario de máxima audiencia, para que os galegos e as galegas coñezan de primeira man cales son as alternativas que temos as forzas políticas para defender os seus intereses ante o Goberno do Estado”, argumentou a líder do BNG.

Pontón subliñou que Galiza xógase moito o 23 de xullo e que, polo tanto, hai que colocar os problemas do País no debate, superando o enfoque centralista da campaña electoral. “Algúns queren facer esta campaña desde o centralismo e desde Madrid e non BNG pensamos que hai que enfocala no que realmente lle importa á xente deste País e no que nos estamos xogando en temas como as infraestruturas, o modelo enerxético ou a situación dos nosos sectores produtivos”, citou a modo de exemplo.

Son asuntos claves de futuro “sobre os que os galegos e as galegas deben escoitar que opinamos as forzas políticas e cales son os nosos compromisos para defendelos ante o Congreso”, indicou Pontón, quen confía en que Alfonso Rueda, presidente do PPdeG, acepte a proposta do BNG tendo en conta que en 2008 xa se celebrou un debate con motivo das eleccións xerais, naquela ocasión a petición do PP de Alberto Núñez Feijóo.

“Espero que o señor Rueda non teña ningún inconveniente en aceptar este debate que lle propoñemos desde o BNG, que é exactamente o mesmo que propoñía o PP en 2008 cando estaba na oposición e ao que o Bloque Nacionalista Galego dixo que si. Nesas eleccións, a TVG celebrou un debate en horario de máximo audiencia no que participaron Feijóo, Quintana e Touriño, e o debate electoral que hoxe lle formulo ao señor Rueda é exactamente o mesmo que se celebrou naquel momento a petición do Partido Popular”, argumentou.

Polo tanto, Pontón agarda que Rueda acepte “por coherencia, por democracia e por respecto á cidadanía, porque os galegos e as galegas teñen dereito a coñecer que van facer os seus representantes en Madrid, para que lle estamos pedindo a confianza e sobre todo que vai facer cada forza política para defender os intereses e o futuro de Galiza”, conclúe a líder do BNG.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG