A portavoz nacional, Ana Pontón, e a portavoz parlamentaria de dereitos sociais, Olalla Rodil, presentaron a Proposición de lei para un novo modelo de residencias baixo a premisa de garantir unha vellez digna ás persoas maiores, calquera que sexan as súas circunstancias económicas e sociais, e desde o criterio de que non son meros usuarios e usuarias senón suxeitos de dereitos.
“A mellor opción é despregar unha batería de medidas que permita ás persoas maiores desfrutar desa etapa vital nas súas casas, no seu fogar. Pero cando no sexa posible, deben dispoñer dun modelo de residencias públicas capaz de garantir o dereito a unha vellez digna”, salientou a líder nacionalista na presentación dun texto lexislativo estruturado en catro títulos e con máis dunha corentena de artigos.
O BNG, destacou Rodil, considera un “imperativo ético e democrático” tomar nota do que pasou nas residencias na pandemia e poñer en marcha un modelo alternativo ao sistema actual absolutamente privatizado en mans de multinacionais, que mesmo operan desde paraísos fiscais, ou de entidades relixiosas. “De feito, Galiza ten a porcentaxe de prazas públicas máis baixo de todo o Estado pese ao elevado envellecemento da poboación con máis do 25% por riba dos 65 anos”, indicou a deputada.
Neste contexto, o Bloque propón planificar e avanzar nun sistema de residencias público, tanto na titularidade como na xestión, con centros de menor tamaño e primando o confort das persoas maiores; aumentar os rateos de persoal por categorías, cun servizo de inspección eficiente e específico e cunha xestión transparente para que calquera cidadán interesado acceda á información dispoñible sobre o funcionamento, servizos, axudas, inspeccións e sancións de cada residencia do País.
Entre as propostas do texto lexislativo do BNG, o título primeiro que regula os requisitos materiais dos centros recolle que as residencias non deben superar as cen prazas, que o 90% das mesmas como mínimo deben ser individuais, estruturadas en módulos de 25 residentes máximo e 20 en caso de centros con persoas dependentes. Tamén que deben estar integradas nos núcleos urbanos ou rurais non en lugares illados, e en zonas libres de ruídos, de agresións ambientais e, na medida do posible, próximos a espazos que faciliten o lecer, como parques ou zonas verdes.
O título segundo da proposición de lei establece o modelo de atención, “que debe ser integral, garantía de dereitos e respectuoso coa dignidade das persoas”, sintetizou Pontón. No concreto, un plan de atención individualizado para cada usuario no que se faga unha valoración integral, se establezan obxectivos, medidas para conseguilos e un acaído seguimento por parte dunha persoa de referencia que actúa como enlace coa familia. O criterio é que debe ser o centro quen se adecúe aos maiores e non ao contrario, polo que tamén se inclúe a posibilidade de personalizar a súa habitación levando mobiliario propio para manter no posible sensación de fogar.
O título terceiro regula a supervisión, inspección e o réxime sancionador co obxectivo de conseguir a máxima transparencia e información das residencias. Neste sentido, o texto do BNG propón establecer un censo único de persoas usuarias e a creación dun corpo de inspección específico para as residencias cos medios humanos e técnicos suficientes. “Hoxe apenas hai unha ducia de inspectores para 21.944 prazas en 380 centros, que ademais deben atender a todos os centros de carácter social como, por exemplo, as escolas infantís, tal carencia fai que a inspección sexa, na práctica, papel mollado”, indicou Pontón.
En aras desa transparencia, a proposición de lei recolle a creación dunha web de acceso público coa información das actas e informes das inspeccións, as sancións impostas así como todas e cada unha das axudas que recibe cada residencia privada ou concertada, información que tamén debe ser trasladada ao Parlamento nun informe anual.
Finalmente, o título cuarto establece a planificación dunha rede pública de residencias co obxectivo de ir mudando o actual modelo privatizado, planificación que será revisada cada catro anos e, ao mesmo tempo, se prevé a recuperación dos centros públicos pero de xestión privada a medida que venzan os contratos coa Administración.
En definitiva, a formación nacionalista presenta unha lei “para garantir o dereito a unha vellez digna que non se logra colocando o coidado das persoas maiores en mans de grandes empresas que buscan o lucro porque entende a vellez como un negocio, que están controlados por fondos de investimento que mesmo cotizan en paraísos fiscais”, sintetizou Pontón, insistindo na urxencia “ética e moral” de mudar un modelo que resultou catastrófico na pandemia “e facelo por outro máis humano”.