Ana Pontón pon Vilar de Santos como exemplo da política en grande e desde o orgullo que practica o BNG nos concellos

En Vilar de Santos
En Vilar de Santos

Pontón pon Vilar de Santos como exemplo da política en grande e desde o orgullo que practica o BNG nos concellos

Agradece o gran traballo de Antonio Míguez e destaca a capacidade de Rubén Colmenero para que a vila siga a ser referente económico e social

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu ao relevo na Alcaldía de Vilar de Santos, onde o até agora rexedor, Antonio Míguez, pasou o bastón de mando ao tenente de Alcaldía Rubén Colmenero, nun acto cargado de emotividade seguido por máis dun cento de veciños e veciñas, nun consistorio no que o BNG ten seis dos sete representantes da corporación.

Pontón puxo a Vilar de Santos como exemplo da “política en grande, desde o orgullo e a confianza no que somos como País e da xente deste País” que practica o BNG nos concellos que lidera, sempre pensando en como mellorar a vida das persoas porque os homes e mulleres do BNG están en política para “servir ao pobo e non para servirse do pobo”, proclamou. A líder do Bloque destacou a capacidade mostrada polo equipo de goberno local ao longo do tempo para converter este concello “nun referente no económico, no social e no cultural dentro da provincia”.

Salón de plenos de Vilar de Santos
Salón de plenos de Vilar de Santos

A portavoz nacional agradeceu o gran traballo levado a cabo por Míguez ao longo dos seus 26 anos de traxectoria, tanto como alcalde como desde outras responsabilidades no goberno local, “sempre a favor dos veciños e veciñas co obxectivo de facer de Vilar de Santos un concello referente na provincia de Ourense e sempre tamén desde a defensa de Galiza, de compromiso co País e demostrado que hai outra maneira de facer política, a favor da xente, que se percibe nos concellos gobernados polo BNG”, destacou a líder nacionalista.

Destacou do rexedor saínte a súa capacidade de diálogo e de aglutinar sensibilidades, “a Antonio gústalle unir ás persoas”, indicou, subliñando que o “unir ós galegos e ás galegas arredor do proxecto de país do BNG é un reto a conseguir para abrir un tempo novo en Galiza”. Igualmente, Pontón puxo en valor “as ganas, a preparación e as forzas renovadas” de Rubén Colmenero, que agora asume a responsabilidade da Alcaldía, “o listón está moi alto pero estou convencida de que Rubén o deixará aínda máis alto, que continuará transformando en positivo este concello que seguirá sendo un exemplo e un referente na comarca da Limia e na provincia”, recalcou.

Pontón puxo en valor a capacidade dos gobernos do BNG para mellorar a vida das persoas, incluso en concellos con poucos recursos, logrando que teñan dinamismo económico, social e cultural, “sen pararse nas dificultades senón en ver como lograr que os veciños e veciñas de Vilar de Santos teñan bos servizos e benestar social”.

Neste sentido, expresou que os gobernos municipais do BNG son gobernos de calidade, exemplos de boa xestión, capaces de optimizar cada euro a favor da maioría social e con visión de futuro para aplicar políticas de vangarda. No caso de Vilar de Santos destacou que pese a ser un concello pequeno no rural, ten unha gran vitalidade económica cun parque empresarial que xera emprego e riqueza; ten unha intensa vida cultural cunha sala de concertos como a Arca da Noe, cun museo municipal que é ademais un lugar de encontro e de socialización da veciñanza e ten servizos públicos de calidade para atender ás persoas maiores e as máis pequenos con infraestruturas como centro de día e escola infantil.

Pola súa parte, Míguez destacou a súa traxectoria política no nacionalismo traballando sempre a favor da veciñanza de Vilar de Santos e agradeceu emocionado todo o apoio recibido polos seus compañeiros e compañeiras de corporación, ademais de facer un recoñecemento tanto aos que o precederon na Alcaldía como a Colmenero que toma agora o relevo. O novo alcalde tamén fixo un sentido discurso no que destacou que Vilar de Santos vai seguir pola mesma senda política e con máis forza que nunca para lograr que o concello sega a senda de avance que o ten convertido nun referente de benestar, de políticas pensadas para a xente, con empuxe no económico, no social e no cultural.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG