Ana Pontón pide a Rueda que retire o pelotazo fiscal de 34M que beneficia a 7.000 millonarios

Ana Pontón
Ana Pontón

“Actúa como submiso recadeiro do PP de Madrid e demostra que non ten proxecto para sacar Galiza da crise”, destaca a líder do BNG

O Partido Popular goberna para o 0,2% mentres que o Bloque representa a alternativa para o 99,8% dos galegos e das galegas

A portavoz nacional, Ana Pontón, pide ao presidente da Xunta que rectifique o “pelotazo fiscal” que prepara o PP cunha rebaixa de 34 M€ en impostos a 7.000 millonarios en Galiza, mentres a maioría social “o está pasando moi mal e temos listas de espera até en atención primaria”.

A líder nacionalista xa avanzou que o BNG votará no Parlamento en contra desta medida e pide a Rueda que rectifique e que a retire do anteproxecto de orzamentos , “unha decisión, ademais, que se toma desde a rúa Génova a través dun presidente que fai o que lle mandan actuando como recadeiro do PP de Madrid demostrando que non ten proxecto de País é que simplemente goberna ao ditado de Madrid e para unha minoría de millonarios”, denunciou a portavoz do Bloque, desde Brión, que visitou con motivo da festividade de Santa Minia.

Quitarlle 34 M€ ás arcas públicas en plena crise de prezos para beneficiar a unha minoría, “é traballar en contra dos intereses dos galegos e das galegas, porque estamos ante unha medida lesiva e antisocial xusto cando se precisa unha redistribución da riqueza”, indicou Pontón. E lembroulle a Rueda que os impostos “son os que pagan a sanidade pública, a educación, a dependencia, os servizos sociais ou as infraestruturas”.

“Só beneficia ao 0,2% da xente deste País e demostra que o PP só goberna para o 0,2% mentres que o BNG representa a alternativa para o 99,8% do País”, destacou Pontón, indicando que a formación nacionalista pedirá a retirada este martes no Parlamento. Neste sentido, e de cara ao debate do pleno, a líder do Bloque volve pedirlle ao presidente da Xunta que envíe a documentación dos orzamentos, porque é inaudito que se impoña un debate das contas públicas sen ter enviado a máis mínima información ao Parlamento.

Unha opacidade que lle fai preguntarse á líder do Bloque “que máis oculta” neses orzamentos. “En todo caso, imos pedir que se retire esa medida antisocial que Rueda aplica seguindo o que lle mandan desde Madrid e que demostra até que punto carece de goberno para Galiza e aplica o que outros deciden sen ter en conta as necesidades do País, nun acto de submisión aos intereses do PP de Madrid”, afondou.

A portavoz nacional do BNG tamén chamou a atención sobre o contraditorio que resulta ver ao PP pedir máis financiamento autonómico mentres lle baixas os impostos aos máis ricos, “vai en contra da maioría social”, concluíu.

Pontón fixo estas declaracións na súa visita a Brión con motivo da festividade de Santa Minia, onde compartiu celebración coa militancia e simpatizantes na Carballeira que alberga a capela e congrega as habituais casetas nas romarías. Aproveitou para desexarlle a toda a veciñanza e visitantes que desfruten da festa e dos reencontros tras a longa ausencia imposta pola pandemia.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG