Ana Pontón pide mobilizarse a todas as persoas que senten orgullo do galego ante un PP que quere reducilo a lingua de segunda

Ana Pontón
Ana Pontón
“Esa maioría que queremos un galego vivo e con futuro temos unha cita en Santiago en defensa da lingua que herdamos das nosas avoas e que queremos legar as nosas fillase e netos”, proclama a líder do BNG

A portavoz nacional, Ana Pontón, instou a unha mobilización masiva na manifestación convocada por Queremos Galego este domingo na capital de Galiza coincidindo coa Día de Rosalía, mobilización masiva de todas as persoas que senten orgullo da nosa lingua e queren saír a defendela fronte a un goberno do PP que leva quince anos practicando o acoso e derribo ao galego co único obxectivo de convertelo nunha lingua de segunda.

“Temos unha cita en Santiago de Compostela todas as persoas que queremos á nosa lingua, a que herdamos dos nosos avós e avoas, dos nosos pais e nais e que queremos que herden as nosas fillas e netos e, polo tanto, este domingo estamos todos e todas convocadas para  denunciar  quince anos de políticas de acoso e derribo ao galego do PP que están deixando á nosa lingua nunha situación crítica”, alegou a líder do BNG.

Tanto é así, recalcou, que hoxe temos os peores datos de galegofalantes de toda a historia resultado de quince anos de políticas do PP en contra galego, “porque o obxectivo do Partido Popular é que o galego se converta nunha lingua residual, nunha lingua de segunda e non llo imos permitir”, indicou, de aí o seu chamamento a mobilizarse a esa maioría social que sente orgullo do noso idioma, a todas as persoas que, falen o que falen,  “queren que o galego sexa unha linga viva e con futuro”.

“Sairemos maña a rúa en defensa do galego e para deixar claro que sentimos orgullo do noso idioma e queremos deixar atrás esas política lingüicidas do goberno do PP, imos dicirlle, desde o amor e desde a confianza no País, que queremos vivir en galego”, recalcou desde Vilar de Santos, onde asistiu ao relevo na Alcaldía do até agora alcalde, Antonio Míguez, ao tenente de Alcaldía, Rubén Colmenero, nun consistorio no que o BNG ten seis dos sete integrantes da corporación.

O BNG denuncia que o Executivo de Rueda practica unha persecución sistemática contra o galego, un boicot por terra, mar e aire utilizando toda a forza que da ter o goberno da Xunta. Por iso, é urxente un cambio de rumbo cun obxectivo: garantir o dereito a aprender o galego e o dereito a usalo con liberdade en calquera contexto e en calquera ámbito da vida.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG